A madeira alíase co formigón para aumentar a eficiencia na construción

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Galicia é unha potencia en produción de madeira. Darlle valor engadido mediante a transformación é unha das materias que aínda ten pendentes a comunidade. Sobre todo agora que comezou a recuperarse o seu uso en construción, o que podería achegar maior rendemento económico ás plantacións certificadas na comunidade. Sobre todo as de piñeiro, unha madeira cuxo bo comportamento está máis que probado en edificación.

Nesa liña enmárcase o traballo do Grupo de Estruturas Arquitectónicas (GEA) da Universidade da Coruña, centrado na madeira como material estrutural. Porque mentres materiais fabricados a partir desta materia prima natural como o CLT son o presente, o equipo coordinado polo catedrático Javier Estévez Cimadevila traballa en clave de futuro.

Un dos últimos proxectos que desenvolveron é o bautizado como Forxado AlveoTCC, unha solución rexistrada na Oficina Española de Patentes na que a madeira se alía co formigón para ofrecer ao sector da construción un produto moito máis sustentable e que, ademais, optimiza a cantidade de madeira empregada en relación a materiais como o CLT porque con menos materia prima obtense un resultado semellante.

Aposta pola ecoeficiencia

«A idea -como explican desde este grupo de traballo- é buscar solucións máis tecnificadas que aproveiten as vantaxes que ofrecen materiais diferentes. Ademais, permítenos usar madeira certificada de proximidade, o que tamén contribúe a reducir a pegada de carbono».

A nova solución, como explican desde o grupo GEM, «é un produto máis ecoeficiente porque, entre outras cousas, non se empregan conectores metálicos nin barras encoladas para realizar as unións entre módulos. A conexión entre madeira e formigón faise a través de perforacións nos taboleiros». Para facerse unha idea, é un forxado de enorme rixidez que está composto por unha capa superior de formigón que vai unida a outra inferior de laminado de madeira (glulam).

De cara á produción industrial destes módulos, o seu modelo de unión reduce ou elimina a dependencia de empresas auxiliares no caso de que sexa unha empresa madeireira a que queira emprender. A súa preparación previa en taller de módulos estándar reduce notablemente tamén os tempos de execución da obra.

A solución patentada ofrece moitas vantaxes. Entre elas está a súa lixeireza. Un forxado de 30 centímetros de espesor pesa ao redor de 200 quilos por metro cadrado, mentres que de ser unicamente de formigón o seu peso elévase até os 750 quilos. Tamén mellora o illamento acústico e permite construír espazos diáfanos.

Fonte: La Voz de Galicia