Linguas electrónicas para calibrar a maduración da uva

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) aplicaron linguas electrónicas desenvolvidas no seu laboratorio para medir a maduración de oito tipos distintos de uva (Macabeo, Chardonnay, Pinot Noir, Cabernet Sauvignon, Shyrah, Merlot e Bobal) en varios viñedos das localidades de Requena e Utiel (Valencia). Observaron unha boa correlación entre a resposta da lingua e parámetros que se analizan nas probas tradicionais: a acidez total do froito e a súa cantidade de azucre.

Os resultados, que foron publicados na revista Food Research International, confirman a utilidade destes dispositivos para controlar a madureza da uva e, polo tanto, avaliar o momento máis axeitado para a colleita.

Entre as súas principais vantaxes, as linguas son económicas e portátiles. "Isto último é especialmente útil para avaliar o grao de maduración da uva, unha medida que cos métodos actuais de análise require xeralmente dunha valoración posterior en laboratorio", apunta Ramón Martínez Máñez, investigador do Centro de Recoñecemento Molecular e Desenvolvemento Tecnolóxico (IDM) na Universidade Politécnica de Valencia.

Controlar a fermentación en cubas

Os produtores destacan tamén a posible utilidade das linguas para levar a cabo medidas sobre o froito na mesma entrada ás instalacións onde se traslada a colleita.

Os investigadores da Universidade Politécnica de Valencia están a traballar actualmente en novas aplicacións das linguas electrónicas no sector. En concreto, avalían a súa utilización para controlar a fermentación da uva en cubas.

"Estes dispositivos permitirían levar a cabo unha monitorización en continuo deste proceso, o cal redundaría nun maior control sobre o produto e, en último termo, nun mellor rendemento da colleita e competitvidade do sector,", engade Inma Campos, investigadora do IDM da UPV.

(Fonte: SINC)