La Caixa e ENISA convocan os Premios EmprendedorXXI para recoñecer os emprendedores máis innovadores de España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
La Caixa abre a convocatoria da nova edición os Premios EmprendedorXXI, unha iniciativa impulsada pola entidade coa colaboración de ENISA (Empresa Nacional de Innovación) que ten o obxectivo de identificar, recoñecer e acompañar as empresas innovadoras de recente creación con maior potencial de crecemento en España.

Os Premios EmprendedorXXI alcanzan en 2013 a súa sétima edición, convertidos nunha das iniciativas de apoio aos emprendedores máis consolidadas de España. Dende a súa creación, en 2007, máis de 2500 empresas españolas participaron nos premios e 150 emprendedores de éxito resultaron galardoados nas diversas categorías.

Na súa edición de 2013, os participantes poden aspirar a un total de 41 premios, que valoran as mellores compañías segundo o seu sector de actividade, a súa traxectoria no mercado e os fitos alcanzados.

Como novidade, La Caixa decidiu potenciar a dotación dos premios coa creación dun programa de acompañamento e networking internacional para poñer en contacto os emprendedores gañadores con líderes sectoriais a nivel mundial. Entre outras actividades, este programa inclúe pontes tecnolóxicas para coñecer de primeira man os principais polos de innovación mundial: Silicon Valley e Tel Aviv.

Os premios tamén inclúen un ambicioso programa de formación específico para emprendedores, impartido por institucións como a Universidade de Cambridge, IESE e ESADE, e unha importante dotación económica, que se incrementou na edición 2013 ata alcanzar os 280.000 euros en conxunto.

A participación nos Premios está aberta a todas as empresas españolas con menos de 7 anos de actividade. A organización estableceu dúas categorías, unha dirixida a proxectos en fases iniciais con menos de 2 anos no mercado (categoría "emprendes"), e outra para empresas innovadoras xa consolidadas no seu sector ou cunha traxectoria entre 2 e 7 anos (categoría "creces"). O prazo para enviar candidaturas nas dúas categorías abriuse o 12 de marzo, e pecharase o próximo 21 de abril. Os interesados han de inscribirse a través da páxina web.

Emprendes e creces

A categoría "emprendes" premia candidatos cun plan de negocio convincente, que xa demostraran o seu potencial conseguindo fitos relevantes nas primeiras etapas da súa empresa.Divídese en dúas fases: autonómica e estatal. Os gañadores autonómicos obterán o acceso ao programa de acompañamento e networking internacional organizado por La Caixa especialmente para emprendedores, así como a participación no curso Ignite Fast Track, impartido pola Universidade de Cambridge, e un premio económico de 5000 euros. Ademais, estas 17 empresas gañadoras na fase autonómica de "emprendes" competirán polo galardón estatal, dotado con 20.000 euros. Este darase a coñecer en outubro, na gala oficial de entrega dos Premios EmprendedorXXI.

Pola súa parte "creces" é a categoría para empresas xa consolidadas. O gañador de "creces" responde ao perfil dunha empresa con resultados relevantes, un ambicioso plan de crecemento e un equipo con alta capacidade de xestión. O premio establece unha única fase, de ámbito estatal, pero con especialización sectorial. Por esta razón, hai tres primeiros premios: un para empresas de ciencias da vida, outro para tecnolóxicas e un terceiro para emprendedores relacionados coa innovación industrial e a sustentabilidade.

Nunha primeira fase, preseleccionaranse 24 empresas, que serán premiadas cunha bolsa para o Executive Growth Program, curso deseñado e impartido por IESE e ESADE especialmente para os emprendedores galardoados por La Caixa. Destas 24 empresas candidatas, nove serán finalistas e obterán o acceso ao programa de acompañamento para emprendedores. Ademais, optarán aos premios económicos de maior dotación: 150.000 euros para as tres mellores empresas de cada sector de actividade (50.000 euros para cada emprendedor). A resolución do premio darase a coñecer na gala oficial que se celebrará en outubro de 2013.

Paralelamente, concederanse accésits para valorar aqueles candidatos que destaquen pola súa achega social e polo alto compoñente de innovación do seu traballo. A Obra Social La Caixa outorgará o accésit ao impacto social, que recoñece o traballo na xeración dun impacto positivo no ámbito e a achega de solucións rendibles e sustentables a un problema social. O premio está dotado con 25.000 euros e escollerase entre os 24 clasificados na categoría "creces".

Por outro lado, entregarase un accésit á innovación tecnolóxica entre os 17 gañadores autonómicos da categoría "emprendes". O gañador será o representante español en iSUN, iniciativa de carácter internacional que cada ano recoñece as 10 empresas europeas con maior innovación tecnolóxica. Entre outros beneficios, o emprendedor poderá viaxar durante dúas semanas a Tel Aviv para participar en visitas a grandes empresas, seminarios, actos de networking, reunións persoais con outras empresas e investidores, etc.

(Fonte: Innovamás)