Investigadores isreaelitas "fabrican" con tecido humano nunha impresora 3D un corazón que palpita

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Investigadores da Universidade de Tel Aviv produciron un corazón vivo que palpita utilizando tecido humano e unha impresora 3D, nun avance que abre vías cara aos transplantes do futuro, informou o centro de estudos.

O corazón "está completo, vivo e palpita" e foi feito con "células e biomateriais que veñen do propio paciente. Tomamos unha pequena biopsia de tecido graxo do paciente, quitamos todas as células e separámolas do coláxeno e outros biomateriais, reprogramámolas para que sexan células nai e logo diferenciámolas para que sexan células cardíacas e células de vasos sanguíneos", engade o investigador. Despois, procésanse os biomateriais "para convertelos en bio-tinta, que permitirá imprimir coas células".

O produto resultante, un corazón duns 3 centímetros, equivalente ao tamaño do dunha rata ou un coello, "aínda é moi básico", sinala o profesor, para quen "o próximo paso é madurar este corazón de modo que poida bombear".

Polo momento, "as células pódense contraer, pero o corazón completo non bombea. Necesitamos desenvolvelo máis" para lograr un órgano que poida transplantarse a un ser humano, considera Dvir.

"O próximo reto é madurar estas células e axudalas a que se comuniquen entre elas, de forma que se contraian xuntas. Hai que ensinar as células a comportarse axeitadamente. E despois terei outro reto, lograr desenvolver un corazón máis grande, con máis células. Temos que descubrir como crear suficientes células para producir un corazón humano", reflexionou.

Ademais, cando se imprimen órganos ou tecidos completos con dimensións significativamente máis grandes e unha complexidade alta, o hidroxel específico do paciente non pode soster o seu peso e necesítase unha estratexia de impresión diferente.

Dvir ten a esperanza de que "en dez ou quince anos teñamos impresoras 3D en hospitais, que provean de tecido para os pacientes. Quizais corazóns".

O estudo, que se publica na revista internacional Advanced Science, "pavimenta o camiño cara á medicina do futuro, no que os pacientes non terán que esperar a un transplante ou tomar medicación para evitar o seu rexeitamento. Os órganos que se necesiten serán impresos, totalmente personalizados para cada paciente", asegura a universidade.

O profesor Dvir traballa no Laboratorio para Enxeñería do Tecido e Medicina Rexenerativa, na Facultade de Ciencias Vivas George S.Wise, da Universidade de Tel Aviv, onde investiga, entre outros, estratexias de nanotecnoloxía para a enxeñería de tecido cardíaco groso e a fabricación de tecidos híbridos.

(Fonte: La Razón)