Investigadores españois proxectan deseñar un novo ladrillo para illar o ruído

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Investigadores da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) propoñen mellorar a eficiencia acústica das paredes construídas con ladrillos cerámicos modificando a súa xeometría interna.

O equipo determinou que a modificación da forma das celas do ladrillo, sen modificar as dimensións dos ladrillos convencionais, non supón un aumento dos custos de fabricación e venda e consegue mellorar a eficiencia das paredes divisorias das vivendas construídas con ladrillos cerámicos. Un só destes novos ladrillos alcanza o efecto dun grosor equivalente a máis de catro ladrillos convencionais.

Os profesores David Corbella, Francisco Fernández, Francisco Hernández-Oliveirais e Pedro Armisen presentaron o seu traballo de investigación na Joint International Conference on Mechanical, Design Engineering & Advanced Manufacturing, celebrada en Toulouse (Francia) a mediados de xuño. O seu artigo relacionado foi galardoado cun dos premios e a mención de honra concedidos neste encontro internacional.

“A nosa investigación baséase no principio físico de amortiguación acústica dos materiais que reivindica que a onda sonora diminúe exponencialmente a súa intensidade segundo o camiño percorrido”, explica  David Corbella, profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Deseño Industrial. “A maior percorrido, maior é a atenuación do son. Desde esa premisa, desenvolvemos a idea  primixenia de substituír os rectángulos por hexágonos na formación das celas dos ladrillos cerámicos de oco horizontal, utilizados para a formación de paredes divisorias das vivendas. Máis tarde desenvolveuse a análise gráfica de todas as posicións e deformacións posibles dos hexágonos”.

Corbella explica que o obxectivo deste estudo gráfico foi indagar como podería determinarse o máximo percorrido polas paredes da cela hexagonal entre as dúas caras opostas do ladrillo cerámico para conseguir a máxima amortiguación acústica, sen modificar as dimensións exteriores. “Ao final quedamos sorprendidos ao determinar gráfica e analiticamente que un só ladrillo cunha nova xeometría das celas formadas por hexágonos non regulares multiplica por máis de catro o percorrido entre as caras exteriores do ladrillo a través dos tabiquillos do interior”.

Desenvolvemento de prototipos

A aplicación inmediata da investigación é a fabricación dos primeiros prototipos dos novos ladrillos cerámicos de oco hexagonal e o deseño de novas boquillas das máquinas extrusoras empregadas na fabricación de ladrillos cerámicos. “Estes prototipos permitirannos seguir estudando o comportamento mecánico e a amortiguación acústica destes ladrillos”, sinala o profesor.

“Coñeceremos o deseño da maquinaria e dos procesos de fabricación e estudaremos o seu comportamento na posta en obra –engade–. Esperamos que os resultados dos primeiros ensaios de laboratorio confirmen a nosa investigación e, se todo sae ben, esperamos que estes novos ladrillos se utilicen na construción de paredes divisorias das vivendas para mellorar o confort e o illamento acústico das paredes".

O equipo de investigadores está a empezar a tomar contacto con algunhas empresas españolas e outras multinacionais que poderían estar interesadas en participar neste proxecto dentro dos programas do CDTI e Horizon 2020. “Aínda non houbo tempo suficiente para que moitas empresas poidan coñecer as posibilidades destes novos deseños de ladrillos”, indica Corbella, "pero estamos na fase inicial de difusión da invención e esperamos contactar con fabricantes interesados en participar nesta investigación".

(Fonte: SINC)