Investigadores do CiMUS descobren unha chave para deter as metástases

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

É moito o que xa se coñece do cancro e os seus mecanismos, pero moitos procesos aínda se descoñecen e os investigadores seguen a traballar para desvelar todos os seus segredos. Un deles acaba de ser desvelado por un equipo do Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), da Universidade de Santiago (USC).

Trátase, nesta ocasión, dunha chave que podería pechar o paso ás metástases, á súa formación nas células tumorais. O grupo liderado por Román Pérez-Fernández -xunto a Samuel Seoane, Leandro Ávila e Anxo Martínez- acaba de desvelar que unha proteína, a POU1F1, é capaz de modificar o fenotipo ou características das células cancerosas e favorecer a progresión tumoral e a metástase. O achado, que abre a porta a novas e esperanzadoras estratexias terapéuticas en cancro, acaba de publicarse na prestixiosa revista Oncogene.

É de sobras coñecida a reprogramación metabólica do cancro, pero os factores específicos que a regulan (xeración de lactato) e os seus efectos nas células aínda non se coñecen ben. É por iso que este descubrimento é clave para coñecer que factores inflúen máis á hora de que unha célula normal se volva tumoral e esta, á súa vez, en metastásica.

Neste traballo, utilizando liñas celulares de cancro de mama, cultivos primarios humanos de tumores de mama e modelos de ratos inmunodeficientes, o equipo coordinado por Román Pérez demostrou que o factor de transcrición POU1F1 está relacionado coa reprogramación metabólica nas células do cancro de mama e coa activación dos fibroblastos, o tipo máis común das células da masa tumoral. “O lactato aumenta a proliferación, a migración e a invasión das células do cancro de mama. Ademais, activa os fibroblastos normais transformándoos en fibroblastos asociados ao cancro”, explica o investigador.

“Os seus datos indican que POU1F1 induce unha reprogramación, modificando tanto as características das células cancerosas como dos fibroblastos, e promovendo a progresión tumoral”, explica o primeiro asinante do artigo, Anxo Martínez-Ordóñez. Ademais, “a análise de datos de pacientes con cancro de mama demostrou que a expresión de POU1F1 / LDHA se asociou cun peor prognóstico”, conclúen.

Fonte: El Correo Gallego