Unha investigación recente demostra que o cambio climático podería afectar 351 millóns de europeos de aquí a 2100

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Segundo un estudo publicado recentemente en The Lancet Planetary Health, o quentamento global podería afectar a dous terzos da poboación europea cada ano, 351 millóns de persoas, para 2100, o cal provocaría 152.000 mortes anuais.
 
A diferenza de avaliacións anteriores dos efectos dos extremos climáticos nas persoas, que se centraban principalmente no impacto das temperaturas, este estudo abordou a vulnerabilidade da poboación a cada risco, baseándose para iso nun exhaustivo conxunto de datos de observación sobre perdas ocasionadas por catástrofes de índole climática, procedentes de bases de datos sobre distintos tipos de desastres.
 
Os investigadores analizaron o grao de exposición da poboación europea a riscos climáticos, expresado como a cantidade de mortes anuais agrupadas en períodos de trinta anos ata o 2100 (2011-40, 2041-70 e 2071-100) e comparadas co período de referencia de base (1981-2010). Baseándose na investigación levada a cabo no marco do proxecto europeo ENSEMBLES, xa finalizado, o equipo combinou rexistros sobre catástrofes con proxeccións demográficas e de riscos de alta resolución.
 
Para confeccionar o seu instrumento de modelización de predicións, o consorcio centrouse nos riscos de maior impacto, tales como ondas de calor e de frío, incendios forestais, secas, desbordamentos de ríos, inundacións de costas e furacáns. A continuación, estudou as variacións espazo-temporais que se producirían se as emisións de gases de efecto invernadoiro se mantivesen nun "escenario sen cambios".
 
Por outra banda, os socios examinaron as dinámicas demográficas a longo prazo empregando unha plataforma de modelización territorial para determinar o impacto dos fluxos e a densidade de poboación nos niveis de exposición. O equipo serviuse de máis de 2300 rexistros correspondentes ao período de referencia para determinar a vulnerabilidade aos extremos climáticos.
 
Un impacto de gran transcendencia
 
Segundo afirman os autores, o seu estudo demostra que "salvo que poñamos freo ao quentamento global con urxencia e adoptemos medidas axeitadas de adaptación, ao redor de trescentos cincuenta millóns de europeos poderían verse expostos a extremos climáticos prexudiciais todos os anos de aquí a final de século, así como a cincuenta veces máis vítimas mortais que na actualidade".
 
A pesar de que o estudo non afonda na dimensión social, o equipo sinala que os sectores máis vulnerables da sociedade sofren un maior risco: as terceira idade, as persoas con enfermidades que minguan a súa capacidade psicolóxica e condutual de termorregulación e a poboación máis pobre e con menos acceso a tecnoloxías privadas de mitigación das consecuencias das catástrofes. O envellecemento da poboación podería agravar o impacto das catástrofes climáticas, mentres que os desenvolvementos tecnolóxicos poderían mellorar as medidas de adaptación e mitigar os efectos. Resta determinar o equilibrio entre ambas as dúas forzas.
 
Os investigadores admiten que o seu estudo padece dun punto débil por deseño -a incerteza que formulan os datos de observación e as proxeccións-, pero recalcan que as estimacións de risco empregadas se basean nas dúas bases de datos sobre catástrofes máis completas que existen e que para realizar as proxeccións utilizaron os métodos máis avanzados. Os datos solicitados polo proxecto financiado con fondos europeos ENSEMBLES (ENSEMBLE-based Predictions of Climate Changes and their Impacts), levado a cabo entre 2004 e 2009, sustentan o estudo descrito.
 
(Fonte: CORDIS)