Inventan un dispositivo que permite aforrar 500 euros ao ano en auga

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Dous fontaneiros valencianos inventaron un dispositivo que neutraliza o malgasto que supón o xesto de abrir a billa e esperar a que a auga fría saia quente, un movemento que custa ás familias españolas uns 500 euros ao ano.

Rafael Rodrigo e Francisco Pelegero constataron que durante esa pequena espera se desperdician de oito a quince litros de auga. Isto impulsounos a crear "SmartWater", un dispositivo que acaba con ese problema con só pulsar un botón e co que un hotel, por exemplo, podería aforrar 4000 euros ao ano.

O dispositivo, desenvolvido e fabricado en Valencia e certificado tanto en España como en Estados Unidos, foi comercializado xa en varios países americanos e un estudo da Universidade Politécnica de Valencia garante a súa amortización en menos de tres anos.

O dispositivo é sinxelo: cando o usuario quere auga quente, debe accionar un interruptor instalado xunto á billa e automaticamente este ilumínase de cor azul, momento no que a auga que antes se iría polo desaugadoiro se canaliza a un depósito onde queda gardada.

Despois de que o quentador faga o seu traballo, a luz do botón pasa a ser vermella, o cal indica que a auga quente está lista para ser usada. Deste xeito, cando se abre a billa, o líquido sae xa á temperatura idónea mentres que a auga fría queda almacenada para, por exemplo, usar a lavalouza ou a lavadora e baleirar o inodoro.

Os inventores explicaron que o dispositivo consiste realmente nunha soa placa que se coloca nun cuarto de baño e que por si soa serve para xestionar toda a instalación do fogar.

A ela entran as canalizacións de auga quente e de auga fría, e dende dentro é a que decide cando a mesma está a temperatura abonda. O circuíto complétao un depósito complementario no que se almacena toda a auga non utilizada.

Ademais de aforrar o 40% de auga, este sistema tamén aforra enerxía, xa que funciona con catro pilas dobre A, que duran dous anos.

Segundo un estudo do Centro de Tecnoloxías Físicas da Universidade Politécnica de Valencia-Campus de Gandía, o dispositivo podería aforrar 500 euros ao ano a un domicilio particular, 1000 euros a un salón de peiteado, 3000 a un ximnasio e 4000 a un hotel.

(Fonte: Innovamás)