A intelixencia artificial xa diagnostica en Vigo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

"¿ Que me pasa doutor?". O centro de innovación Gradiant traballa en catro proxectos para adestrar máquinas de intelixencia artificial (IA) que axuden aos médicos de Vigo nos seus labores diarios. A súa minería de datos clínicos axiliza as salas de urxencias e predirá enfermidades, charlará con anciáns ou suxerirá tratamentos de pel. O uso de diagnósticos automatizados xa está en pleno debate nos hospitais de Vigo. Por exemplo, o xerente de Vithas Fátima, Ciro Cabezas, explicaba hai días como funcionan, a nivel xeral, estes algoritmos: "Un paciente vai ao doutor cunha orella vermella, ollos amarelos e dor de estómago. A intelixencia artificial cruza os datos, prescinde da orella vermella por non ter relevancia estatística e, cos outros dous síntomas, suxire os diagnósticos máis probables. É pura estatística e o médico é quen decide".

Para que estes sistemas intelixentes acerten mellor hai que adestralos e afinar as súas respostas. O equipo de saúde do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) leva un ano adestrando estas máquinas de aprendizaxe profunda para axudar aos doutores do Hospital Álvaro Cunqueiro. Usaron a intelixencia artificial para axilizar os tempos de espera en urxencias. Os resultados son confidenciais. Agora desenvolven tres novos proxectos en Vigo onde combinan minería de datos e saúde. As súas máquinas suxiren diagnósticos a partir da historia clínica, propoñen tratamentos en feridas na pel ou programan chatbots (conversacións robotizadas) para coidar anciáns.

E algún día detectarán tumores en placas. "Se os humanos non ensinamos a máquina a facer o seu traballo, non o vai saber facer soa. Canto máis lle ensinemos, mellores serán os resultados. Agora, os sistemas son máis doados de adestrar", di o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire. Aprenden a partir de exemplos e da retroacción (reaccións) dos médicos veteranos. "Lonxe de substituír o doutor, a IA liberarao de tarefas repetitivas e será o seu compañeiro inseparable no día a día. A decisión final tomaraa o médico", di Freire.

Análise das imaxes para propoñer curas de feridas na pel

O terceiro proxecto de saúde que desenvolve Gradiant serve para suxerir tratamentos para feridas crónicas na pel. A través dunha análise intelixente das imaxes da lesión, a máquina recomenda os apósitos máis axeitados para curar as feridas. "Leva consigo un grande aforro de custos para o sistema sanitario", di Pérez Freire.

Menciona que xa hai, a nivel xeral, algoritmos que analizan imaxes médicas como, por exemplo, as mamografías. A máquina detecta un tumor máis rápida e atinadamente que o ollo humano. "A medida que eses algoritmos melloren analizarán outras probas en radioloxía e a anatomía patolóxica", afirma. Resalta o "papel esencial" que xogan as tecnoloxías de visión por computador, que automatizan procesos de análise e diagnóstico "que sempre se fixeron de forma manual. Axuda a traballar con máis variables das que un humano pode manexar e trata os datos cunha rapidez fóra do noso alcance", di.

Gradiant tamén traballa en sistemas de suxestión de diagnóstico, que está integrada co proceso de anamnese (conxunto de datos do historial), exploración física do paciente e recollida dos datos na historia clínica electrónica. Estes sistemas de diagnóstico diferencial "fan máis eficientes os procesos sanitarios e melloran a calidade do diagnóstico". Freire define estes sistemas de apoio á decisión clínica como "recomendadores" que axudan aos sanitarios a tomar as mellores decisións con toda a información dispoñible. A intelixencia artificial cobra "grande importancia" porque permitirá integrar información de moitas fontes inabarcables para un humano, procesala con rapidez e incorporar novo coñecemento a medida que se solucionan os casos doutros pacientes. En concreto, o procesado de linguaxe natural (PLN) extrae unha cantidade inmensa de datos de "gran valor" enterrados en artigos médicos, anotacións escritas ou de voz.

Simulador de escenarios para reducir a espera nas urxencias

O equipo de enxeñeiros da saúde de Gradiant colaborou coa Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (Eoxi) do Sergas en Vigo para poñer en marcha un sistema de intelixencia artificial que axilizase os tempos de espera hospitalarios sen incrementar o gasto público. Lanzaron un simulador de procesos que axuda a analizar os fluxos nos servizos de saúde, como a sala de urxencias. Usaron a intelixencia artificial para caracterizar os procesos, identificar os puntos de mellora e predicir situacións futuras de risco. Estudou escenarios alternativos (pacientes, quendas do equipo, posición dos boxes) para axilizar a asistencia sanitaria. O modelo pódese aplicar á cadea dunha fábrica ou para distribuír clientes en grandes superficies.

Usan tecnoloxías de minería de procesos e predición para recomendar melloras e optimizar unha xestión esixente. A máquina que aprende a interpretar automaticamente datos de probas clínicas aforra tempo na análise.

(Fonte: La Voz de Galicia)