A intelixencia artificial e outros 9 protagonistas de 2019

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Unha intelixencia artificial que gañará madureza, a progresiva automatización de tarefas con dispositivos aos que o usuario se dirixirá por voz e un novo marco legal de privacidade que se consolidará, fronte a unha tecnoloxía 5G que en España seguirá sen despegar, serán tendencias tecnolóxicas en 2019.

Dez predicións para 2019 neste ámbito son as seguintes:

Intelixencia artificial "moito máis intelixente"

As aplicacións serán máis personalizadas e acertadas nos seus resultados con algoritmos máis complexos e software con aprendizaxe automática e analítica intelixente de datos moi sofisticada. Mellorará a identificación facial no caso dos móbiles así como as funcionalidades das cámaras e aplicacións para recoñecemento de persoas, con imaxes de moita máis calidade. Por outra banda, o usuario recibirá publicidade moito máis individualizada segundo os seus gustos persoais.

A privacidade en internet un reto que empezará a asentarse

O 2018 foi especialmente polémico en cuestións de privacidade tras numerosos casos de fugas de datos de empresas, captación de información persoal como o escándalo de Facebook e a consultora Cambridge Analytica que accedeu a datos de amigos dos usuarios da plataforma sen o seu consentimento para intereses políticos ou a propagación de noticias falsas. As tecnolóxicas esforzaranse fronte a ese tipo de situacións. Os efectos do regulamento europeo de protección de datos en vigor dende maio de 2018 empezarán a facerse patentes en 2019. Esta normativa afectará a toda innovación dende a súa fase máis incipiente o cal formulará moitos desafíos, recorda o director de análise en IDC Research España, José Antonio Cano.

Identificación de usos da tecnoloxía 5G

A nivel mundial o 5G permitirá ver as primeiras demostracións de vehículos non tripulados e traballar con brazos robóticos sen fíos, segundo o grupo de investigación Wireless Networks Research Lab do IN3 da Universitat Oberta de Catalunya. O reto para 2019 é identificar casos de uso para aplicar esta tecnoloxía e a xeración de contidos acordes a iso. En España o "atraso" na distribución do espectro retardará o despregamento das infraestruturas de 5G que non será unha realidade ata 2020, afirma o responsable de IDC. Varias marcas anunciaron xa o lanzamento de móbiles compatibles con esa tecnoloxía, pero dificilmente poderá darse ese servizo se non hai infraestruturas para iso, engade.

O auxe da voz e o procesamento da linguaxe natural

Consolidarase a interacción no fogar con asistentes virtuais do tipo Siri de Apple, Alexa (de Amazon) ou Google Home, aos que o usuario se dirixirá cada vez máis para solicitarlle por voz todo tipo de cousas e cuxos prezos serán aínda máis populares. Este mundo da comunicación oral coas máquinas abrirá grandes oportunidades para as marcas, segundo o último informe da consultora Kantar. Mellorarán as tecnoloxías de procesamento da linguaxe natural e aumentará o uso dos "chatbots" para comunicarse o usuario en tempo real cos ordenadores con fins comerciais ou outros. O seu funcionamento será cada vez máis similar a como actúan os humanos.

Ciberameazas moi sofisticadas e ciberespionaxe en alza

Aumentarán as ameazas en internet, cada vez máis sofisticadas a nivel mundial. Segundo o último informe de Panda, os países tenderán a protexerse moito máis ante un crecente clima de desconfianza; a ciberespionaxe seguirá á orde do día. Os propios ciberatacantes usarán algoritmos moi sofisticados para desenvolver ataques máis "intelixentes". De acordo con Entelgy Innotec Cybersecurity, as aplicacións móbiles maliciosas non se limitarán a tendas non oficiais senón tamén procederán de Google Play ou App Store.

A realidade aumentada gañará peso fóra do ocio

Aínda que o impacto destas tecnoloxías xa era importante, seguen sendo caras e acoutadas a ámbitos moi específicos. Esta tendencia está a cambiar. Segundo datos da consultora IDC, en 2019 o gasto nestas tecnoloxías para fins empresariais superará por primeira vez ao que dedican os consumidores a iso, o que confirmará a aposta clara das empresas por esta área ata agora case constrinxida ao ocio. O seu uso irase asentando nos negocios para axudar a visualizar produtos e servizos comerciais ou para o turismo, por exemplo, ou en sectores como a arquitectura, a enxeñería, etc.

Os sensores servirán para moito máis que para monitorizar

A robotización irase consolidando no fogar. Ata agora, os sensores conectados a internet permitían practicamente só monitorizar. O salto que se espera para 2019 é que estes dispositivos axuden tamén ás máquinas a actuar e a aprender, o cal terá grande impacto nas cidades intelixentes. Esta tendencia tamén se consolidará no fogar con aparatos domésticos máis intelixentes.

Expansión do uso das cadeas de bloques ou "blockchain"

Esta tecnoloxía que garante a veracidade das operacións en internet expandirase por áreas como a automatización de procesos industriais e a robótica.

Aumentará o impacto do almacenamento na "nube"

Cada vez será maior o impacto dos servizos nos que o usuario paga polo que usa na "nube" tecnolóxica. A capacidade de almacenamento dos teléfonos móbiles incrementarase e tamén os contidos procesados, como as fotografías, que esixirán máis calidade e espazo para conservalas.

Os beneficios da cidade intelixente chegan ao cidadán

O cidadán empezará a beneficiarse de forma máis palpable de urbes máis intelixentes tras unha aposta moi importante os dous últimos anos polo menos en España por parte de administracións e empresas para dixitalizar servizos en áreas como a enerxía, a mobilidade, ou o transporte e o impulso de vehículos autónomos ou semiautónomos entre outros proxectos.

(Fonte: La Razón)