Intelixencia artificial: aparcar un automóbil usando só 12 "neuronas"

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Un cerebro que creceu de forma sa e natural funciona dun modo bastante diferente a como o fai un programa ordinario de ordenador. Non utiliza un software que consista en instrucións lóxicas claras. É unha rede de células que se comunican entre si. Simular tales redes nun ordenador pode axudar a resolver problemas que son difíciles de descompoñer en operacións lóxicas.

Unha colaboración entre a Universidade Técnica de Viena (TU Wien) en Austria e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) na cidade estadounidense de Cambridge fixo posible o desenvolvemento dun novo enfoque na programación de tales redes neurais.

Este enfoque aplicado polo equipo internacional de Ramin Hasani (TU Wien) caracterízase, entre outras cousas, por modelar a evolución temporal dos sinais nerviosos dun xeito completamente distinto. A nova estratexia inspirouse nunha criatura particularmente simple e ben investigada, o verme C. elegans. Os circuítos neurais do seu sistema nervioso foron simulados no ordenador, e despois adaptouse o modelo con algoritmos de aprendizaxe automática.

Desta forma, foi posible resolver tarefas notables cun número extremadamente baixo de células nerviosas simuladas, por exemplo, aparcar un coche. A pesar de que a rede inspirada no verme consiste só en 12 neuronas, pode ser adestrada para dirixir un robot móbil cara a un punto determinado, posibilitando que aparque no sitio elixido.

Estas redes neurais novidosas son extremadamente versátiles. Outra vantaxe é que a súa dinámica interna se pode comprender, a diferenza do que acontece coas redes neurais artificiais estándar, que aínda sendo útiles, a miúdo resultan inescrutables e incomprensibles.

Por suposto, o obxectivo desta liña de investigación non é que os automóbiles sexan aparcados no futuro por vermes artificiais, senón demostrar que a intelixencia artificial cunha arquitectura máis parecida a un cerebro pode resultar moito máis potente do que se pensaba anteriormente.

(Fonte: SINC)