Innovador sistema para prever o desgaste dos aeroxeradores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Os grandes aeroxeradores que fan posible a enerxía eólica sofren un gran desgaste co paso do tempo. A revisión e os labores de mantemento son esenciais para previr problemas e alongar a vida útil destas infraestruturas despois dos grandes investimentos que requiren.

Para axudar nesta tarefa, investigadores da Universidade de Salamanca, en colaboración con empresas do sector, están a deseñar un sistema para monitorizar o estado e funcionamento dos muíños e prever, a través de sistemas de intelixencia artificial, posibles anomalías.

Polo momento, o proxecto atópase nunha fase inicial, impulsado polo grupo de investigación BISITE da institución académica salmantina, a  Asociación de Promotores de Enerxía Eólica de Castela e León (Apecyl) e empresas do sector. "Estamos a analizar con varias empresas cales son as súas demandas e os seus problemas", sinala Juan Manuel Corchado, científico que lidera o equipo de investigación e decano da Facultade de Ciencias.

Aínda que España é unha potencia no sector eólico, a redución das axudas debida á crise económica fai que perigue a viabilidade do negocio. Por iso, as compañías queren reducir os seus custos, ser máis eficientes e facer rendible as infraestruturas das que xa dispoñen. A enxeñería informática pode servir de apoio nesta tarefa.

No caso dos aeroxeradores, "o obxectivo é desenvolver modelos que sexan capaces de monitorizar o desgaste das pezas e prever cando pode haber algún fallo", sinala Corchado. Por exemplo, nas pas dos muíños é frecuente a aparición de gretas, pequenas roturas que co tempo poden ocasionar graves problemas de funcionamento moi custosos de reparar.

O proxecto de investigación pretende anticiparse a este tipo de incidencias tendo en conta diversos factores, como poden ser os fenómenos meteorolóxicos, o tempo de vida da instalación ou o material do que está construído o aeroxerador. Ademais, poderá analizar en tempo real se toda a maquinaria está a funcionar de xeito axeitado ou se hai disfuncións que poden ser un indicio de problemas máis graves.

Hardware e software

A idea inclúe contar con hardware de monitorización e software intelixente que teña en conta todos os datos dispoñibles e permita determinar cal vai ser a evolución das instalacións. O grupo de investigación BISITE é especialista na aplicación de intelixencia artificial a tarefas moi diversas, de maneira que modelos matemáticos poidan analizar toda a información dispoñible ante unha determinada tarefa e executar decisións do xeito máis eficaz.

Por outra banda, empresas e investigadores queren buscar novas técnicas de revisión dos aparatos que impliquen menos risco para os usuarios xa que na actualidade, o máis habitual é que os técnicos teñan que subir a grandes guindastres para realizar inspeccións visuais, o que entraña riscos debido á altura, a alta tensión e, en ocasións, as condicións meteorolóxicas pouco favorables. Automatizar este tipo de tarefas tamén pode supoñer un importante aforro económico.

(Fonte: Ecoticias)