As innovacións científicas chegan á sociedade

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A ciencia galega ten moito que achegar á sociedade. Pero lograr que os avances desenvoltos nos centros de investigación cheguen a facerse efectivos no día a día da poboación non sempre é tarefa sinxela. A administración galega leva anos pelexando para lograr acabar precisamente con estas barreiras e acompañar aos centros de coñecemento galegos neste camiño. E precisamente con este obxectivo, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e coa colaboración da Fundación Barrié, puxo en marcha unha nova edición do programa Ignicia Proba Concepto, unha iniciativa pioneira en España que promove o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.

Nesta terceira edición foron un total de sete as propostas gañadoras e que, por tanto, contarán coa axuda da administración. «O obxectivo principal é promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia», explicou a directora de Gain, Patricia Argerey.

Tal e como apuntan desde a Xunta, dos proxectos seleccionados, dous están promovidos pola Universidade de Vigo, outros dous pola Universidade de Santiago de Compostela, un pola Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen), outro polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e o sétimo pola Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña. Das propostas escollidas -en total presentáronse 28 proxectos- catro pretenden chegar ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os outros tres propoñen o licenciamiento á industria.

O orzamento total solicitado ascende aos 2,8 millóns de euros, o que supón un importe medio de preto de 400.000 euros. Explican desde a Administración autonómica que os proxectos terán unha duración de dous anos e contarán coa participación dunha trintena de investigadores.

As iniciativas xa arrancaron o seu camiño. A partir de agora, os responsables dos proxectos terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización. Non estarán sós nesta empresa. Porque contarán co asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. A partir de aí, os grupos de investigación recibirán unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar os plans ao mercado: «Este instrumento de apoio económico permítelle compartir á Xunta de Galicia os riscos e beneficios de cada proposta, garantindo que as iniciativas exitosas xeren retornos para seguir investindo na transferencia de coñecemento dos organismos galegos en vindeiras convocatorias», explican.

Fonte: La Voz de Galicia