A innovación como base de todo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O paso da sociedade da produción á da innovación, que puxo en primeiro plano a xestión do talento, terá enormes repercusións socioeconómicas nos próximos vinte anos, afirma o informe "España no mundo 2033", dirixido por Javier Solana para PWC.

No seu apartado "A innovación como base de todo" sinalan que o mapa laboral, e con el, o xeográfico, se concentrará en centros ou polos de empresas onde concorrerán os traballadores altamente cualificados. Estes nodos de innovación acapararán a maior parte do crecemento económico, actuando como catalizadores de desenvolvemento, e situaranse nas áreas urbanas dos grandes mercados. Nese contexto, e aínda que a innovación disruptiva de alto contido tecnolóxico poida aglutinarse en países como Israel, Singapur, Suecia ou Finlandia, serán as principais cidades económicas do planeta as que atraian a maior parte do crecemento.

Os que pensan e os que serven

Estas zonas captarán tamén a esa pequena porcentaxe da man de obra que xere moito valor engadido, e ao seu arredor florecerá un potenciado mercado de servizos culturais, gastronómicos e deportivos orientados a satisfacer as necesidades desta clase innovadora. O resto, como sinala Richard Florida, que será a maior parte da forza laboral, terá que dedicarse á parte menos rechamante do sector servizos, asegurándose de que esta clase creativa poida centrarse en realizar correctamente o seu traballo mentres os demais realizan as tarefas menores.

Os postos intermedios terano moi difícil

Esta nova estrutura, ademais de aos traballadores da produción, que desaparecerán dos países desenvolvidos, tamén poderá borrar do mapa aos estratos intermedios, que o van pasar moi mal nos novos tempos. Segundo sinala o informe, as novas tecnoloxías de fabricación e automatización como a robótica ou a impresión 3-D revolucionarán os patróns laborais, o que afectará especialmente os traballadores semicualificados.

A man de obra será substituída polas novas tecnoloxías

Moitos analistas cren que este proceso terá maiores dimensións das esperadas, e que as novas tecnoloxías van causar un cambio estrutural de grandes proporcións. Segundo o informe The future of employment, realizado polos profesores da Universidade de Oxford Carl Benedikt Frey e Michael A. Osborne, o 47% do emprego total está en situación de alto risco, "xa que moitas das súas ocupacións son susceptibles de ser automatizadas nunha ou dúas décadas". Nunha primeira fase, a maioría dos traballadores do sector do transporte e da loxística, así como os administrativos e, en xeral, todos os relacionados coa oficina, e os vinculados aos procesos de fabricación e produción, "son susceptibles de ser substituídos polo capital informático".

O sector profesional de alto valor engadido tampouco se librará destes procesos e está a sufrir xa, e de xeito sensible, os embates da informatización. Mesmo sectores en teoría pouco susceptibles de ser substituídos por máquinas, como os deseñadores de chips de ordenador, os asesores fiscais ou os arquitectos están a verse afectados polos programas de software.

O informe de PWC sinala que outros sectores profesionais se verán afectados pola mellora de procesos, como a xeneralización da prefabricación no caso da construción, onde as tecnoloxías de additive manufacturing -que permiten fabricar produtos capa por capa, en lugar do proceso habitual de facelo a partir da subtracción de material dunha gran peza- poden ser fundamentais. Ademais, o perfeccionamento dos bots -programas informáticos que imitan o comportamento humano e son capaces de executar tarefas automatizadas a altísimas velocidades-, poderá reducir substancialmente a man de obra en varios sectores.

As posibilidades da automatización cambiarán seguro o mundo do traballo e a única dúbida é se nos conducirá a un desaxuste laboral estrutural. Segundo apunta o informe, non é descartable que un subconxunto significativo de traballadores sufra unha degradación da calidade dos seus empregos e da súa remuneración. Se no pasado o cambio tecnolóxico non se traduciu nun paro masivo grazas á creación de novas profesións que respondían a novas necesidades, non parece que neste caso o progreso vaia ser positivo para a igualdade de ingresos ou para as condicións laborais da maioría da poboación. De feito, conclúe o estudo, o cambio probablemente exacerbará as desigualdades salariais e prexudicará fundamentalmente aos traballadores semicualificados.

Novo paradigma: o gañador lévao todo

Segundo o informe, cada vez máis sectores económicos tenderán a asemellarse a mercados globalizados como o musical, cun número reducido de artistas acaparando a maior parte dos ingresos mentres o resto loita por sobrevivir. Haberá opcións reducidas para que os que se centren na hiperespecialización -buscando o valor engadido- ou nas economías de escala -para reducir prezos-.

Novo escenario para as pemes

Como durante os cinco últimos anos o valor das 100 maiores empresas por cotización bolsista aumentou un 45%, alcanzando os 14,32 billóns de dólares, o informe asegura que é moi probable que os países con maior número de pemes teñan máis problemas para competir neste mercado. Ese contexto obrigará os gobernos dos países desenvolvidos a fomentar empresas de gran tamaño, polo que, aseguran, os recursos que agora destinan ás pemes preferirán empregalos en apoiar a creación de grandes compañías. As únicas pemes que terán opcións serán as de base tecnolóxica, as especializadas en servizos a grandes conglomerados e as que ocupen un nicho moi específico seguindo o modelo de long tail.

Os salarios seguirán baixando

A competencia dos mercados emerxentes e o desenvolvemento tecnolóxico son as teóricas causas, asegura o informe, de que a remuneración dos asalariados como porcentaxe da renda nacional nos países desenvolvidos fora perdendo peso ata situarse en mínimos históricos. E iso é tamén o que nos espera no futuro: os soldos seguirán baixando na maioría dos empregos, ao mesmo tempo que o aumento de produtividade non rematará por materializarse en subas salariais na maioría dos empregos.

Adeus ás clases medias occidentais

Mentres que as clases medias dos países desenvolvidos continuarán o seu declive, xa que os seus ingresos e expectativas laborais están a retroceder, e as novas clases medias dos países emerxentes, como China e India, seguen en ascenso grazas ao proceso de globalización, o sector definitivamente gañador desta época foi ese 2% da poboación que se fixo máis rico, no que quedan incluídos os multimillonarios de EEUU, Reino Unido, Xapón, Francia e Alemaña e os de países emerxentes como Rusia, China, Brasil ou Sudáfrica, que acaparan xa a metade da riqueza mundial.

Nas economías máis desenvolvidas, avisa o informe, tamén é posible ler este fenómeno en clave xeracional. Segundo Nacións Unidas, os maiores de 50 anos acumulan máis da metade dos ingresos dispoñibles en EEUU, Xapón e a eurozona.

Estado do benestar, pouco

Como os próximos anos Occidente vai destinar o diñeiro dos seus cidadáns a pagar a débeda e a afrontar o envellecemento da poboación, o informe asegura que o papel redistributivo do Estado vai quedar atenuado, o que podería relanzar conflitos sociais. Así mesmo, é posible que, como afirma un número crecente de economistas, a desigualdade prexudique o crecemento económico e faga menos estables as expansións económicas.

Tamén prexudicará o crecemento a longo prazo a incapacidade do Estado e da sociedade civil para proporcionar educación de calidade aos menos afortunados. Como mostra, a brecha entre os resultados escolares de ricos e pobres en EEUU, que creceu máis dun 30%. En Asia, o incipiente Estado do benestar desenvolverase progresivamente aínda que nunha escala moi inferior ao europeo, mentres que en América Latina seguirá sendo obxecto de debate político.

Acceso ao informe completo.

(Fonte: Club de Innovación)