A incubadora galega de fármacos atrae 157 proxectos de varios países

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A incubadora galega de novos fármacos, constituída este verán, atraeu xa 157 proxectos de España, Francia, Alemaña, Reino Unido, Canadá e outros países, que expresaron o seu interese en desenvolverse neste centro galego para intentar chegar ao mercado e a pacientes.

No primeiro trimestre do 2018 está previsto que un xurado internacional seleccione os primeiros. Descoñécese aínda cantos serán, pois dependerá das súas características, explica Mabel Loza, directora científica desta iniciativa. A idea, segundo dixo na súa presentación pública, no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (Cimus), é "buscar mellores medicamentos e a mellores prezos". E ademais "facer de Galicia un referente en bioloxía e ciencias da vida", en palabras de Juan Viaño reitor da USC.

A incubadora denomínase I2D2, polo seu nome en inglés (Incubation Innovation in Drug Discovery). Impúlsana a Axencia Galega de Innovación (Gain), da Xunta; a multinacional farmacéutica Janssen; e a Fundación Kaertor, participada pola USC, Sergas e Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Ángel Carracedo, codirector científico da incubadora, explicou que así dáse unha estrutura de xestión á plataforma Innopharma, unha iniciativa para o descubrimento temperán de fármacos que funciona dende o 2013 no Cimus, e que tamén impactou no sector farmacéutico internacional. Únense a experiencia do grupo Biofarma da USC para o descubrimento de fármacos, e a da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Agora, a incubadora é un paso máis para xerar novos medicamentos, manifestou.

Colaboración público-privada

Esta incubadora é unha iniciativa pioneira en España, semellante á xa aplicada en Galicia para o sector do automóbil, con colaboración da multinacional PSA, explicou o conselleiro de Economía, Francisco Conde. Ao igual que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, resaltou o interese da colaboración público-privada para avanzar no coñecemento e mellorar o sistema sanitario.

Martín Sellés, presidente de Janssen en España, manifestou que "hoxe é un gran día para a investigación biomédica no noso país e oxalá para os pacientes, porque pode ser o inicio dunha solución futura para moitos pacientes cunha enfermidade grave" a través da "translación ao paciente da investigación académica". Resaltou a "traxectoria probada de éxito" dos grupos de Loza e Carracedo, o que levou esta multinacional a optar por esta iniciativa galega en vez de polo seu propio centro de investigación, que funciona en Toledo hai 30 anos. Servirá, ademais, para que "Galicia teña unha economía máis produtiva, máis competitiva, máis baseada no coñecemento", sostivo Martín Sellés.

(Fonte: La Voz de Galicia)