Imitar a complexidade da pel humana, próximo reto das bioimpresoras 3D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A pel humana ten tres capas principais, hipodermis, dermis e epidermis, e un enxame de moléculas e proteínas, como a elastina, que a converten nun órgano complexo e difícil de imitar, aínda que non imposible grazas á impresión 3D.

O pasado ano, científicos españois deron a coñecer un prototipo de bioimpresora 3D capaz de crear pel humana "totalmente funcional" e apta para ser usada en investigación, probar con produtos cosméticos, fármacos e químicos e nun futuro ser trasplantada a pacientes; agora este modelo mellorouse. Nas instalacións da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), no campus de Leganés, o equipo multidisciplinar dirixido por José Luís Jorcano e Juan Francisco Cañizo deseñou unha bioimpresora "máis robusta, máis versátil, reproducible e precisa" que a anterior, coa que se poderá facer pel "máis complexa e progresivamente máis parecida á humana". O primeiro prototipo que se presentou, xunto ao Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e BioDan Group, podía replicar a estrutura natural da pel cunha primeira capa externa, a epidermis, xunto a outra máis profunda e grosa, a dermis.

Agora, explica Jorcano, deuse un paso máis e "nun prazo relativamente curto cremos que seremos capaces de producir pel con moléculas importantes, como o ácido hialurónico, con diferentes tipos de coláxenos e elastina", que lle dará resistencia.

Ademais, a pel tamén ten estruturas, como os folículos pilosos -dan crecemento ao cabelo- ou as glándulas sudoríparas, que son moi complexas e que, aínda que custará máis reproducilas, esta máquina xa pode empezar a desenvolvelas.

Proceso

Para poder facer todo isto é necesario un "cóctel biolóxico" de células, proteínas e factores de crecemento, que constitúen o que se chaman biotintas, as cales neste caso, en lugar de cartuchos de tinta como nas impresoras ordinarias, se colocan en xiringas.

A deposición das biotintas, patentadas polo Ciemat e baixo licenza de BioDan Group, está controlada por computador e faise ordenadamente nunha placa que logo vai á incubadora a 37 graos.

Os compoñentes son os mesmos que para a creación de pel a man, pero adaptados á bioimpresora, que, en definitiva, tenta automatizar un proceso que se pode facer a partir de pel autóloga -creada a partir de células do propio paciente para usos terapéuticos, como en queimaduras graves- ou pel aloxénica, a partir de calquera persoa doante, mellor para testar químicos.

En ambas hai que extraer as células do paciente/doante a través dunha pequena biopsia, cultivalas no laboratorio e conseguir a súa multiplicación. O proceso ata ter a pel artificial pode durar dúas ou tres semanas, depende do seu uso.

Coa pel artificial feita a man xa se fixeron probas en pacientes con feridas para que cicatricen, e con queimados; o seguinte paso será perfeccionala grazas a esta nova bioimpresora.

"Desde o punto de vista terapéutico o problema está nos grandes queimados, onde os pacientes perden moito líquido", así que protexer esa superficie queimada suporía un avance moi importante, subliña a Efe Juan Francisco Cañizo, da Universidade Complutense de Madrid e do Gregorio Marañón, desde onde se deseñou, "paradoxalmente", todo o "hardware" da bioimpresora.

Ademais, as melloras introducidas nesta máquina, aínda que a principal aplicación neste momento é facer pel, van permitir, nun futuro, crear tecidos que geométricamente non sexan moi complexos.

Despois de conseguir unha pel cento por cento humana poderíanse desenvolver aqueles tecidos con forma cilíndrica, como vasos sanguíneos, ou forma esférica, como a vexiga urinaria; para isto hai que esperar.

O uso clínico, con todo, non é o único desta pel; existe outro, o de testeo de produtos cosméticos, químicos e fármacos, que move ao ano 20.000 millóns de dólares no mundo, segundo Jorcano.

Este será o campo onde primeiro despegue esta tecnoloxía, máis barata e no que ademais a regulación é moito máis simple, indica Alfredo Brisac, presidente de BioDan, empresa que desenvolveu a primeira versión do produto e xa ten os seus primeiros clientes.

O seguinte paso será o de producir apósitos de pel humana conxelables para usar nas unidades de urxencia para queimaduras ou feridas profundas, que poderían estar no mercado en 2019.

Por último, o reto será o de reducir os custos da produción da pel para transplantes, aínda demasiado caro, segundo Brisac.

(Fonte: El Confidencial)