O Igape activa os novos empréstitos do programa Galicia 1000 para investimentos e circulante

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Os emprendedores, as microempresas e as pemes galegas xa poden solicitar nas entidades financeiras os microcréditos e os empréstitos bonificados ou avalados do programa Galicia 1000 da Xunta para financiar os seus investimentos ou necesidades de circulante. Estes instrumentos financeiros véñense a sumar aos empréstitos directos Jeremie tamén destinados a financiar investimentos empresariais.

A través do programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden acceder a empréstitos de ata 25.000 euros con intereses bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade. Os beneficiarios desta liña poderán contar cunha axuda financeira adicional do 15% sobre o tramo do microcrédito destinado a financiar activos fixos.

Así mesmo poderán acceder a empréstitos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Ademais, e coa finalidade de continuar avanzando no reequilibrio territorial da Comunidade, estas dúas liñas financeiras do "Galicia 1000" seguirán prestando unha especial atención ás zonas amparadas por plans Impulsa - as provincias de Lugo e Ourense, as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal, así como a Costa da Morte-, facilitando empréstitos ou microcréditos con bonificacións especiais.

Por outra parte, e de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que está a impulsar a Xunta de Galicia, este ano os proxectos do sector industrial -e os dos emprendedores- poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%.

De xeito paralelo, e para cubrir as necesidades de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria activou, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que facilitará a mobilización de empréstitos bancarios comprendidos entre 3000 e 150.000 euros, con prazos de amortización de ata 7 anos -fronte aos 5 da edición anterior-, avalados polas Sociedades de garantía recíproca (SGR) colaboradoras, e reavalados polo Igape.

Ademais, e para financiar as operacións dos emprendedores e das Pemes, o Igape mantén activa a liña de empréstitos Jeremie, que suman 8 millóns e melloran as súas condicións, con intereses máximos que poderán quedar por debaixo do euríbor máis 0,4%. Estes apoios poden chegar ata 1,8 millóns por proxecto, cubrindo ata o 70% do investimento, e con prazos de amortización de ata 11 anos. A esta liña sumarase en datas próximas outra liña de empréstitos con fondos BEI, para operacións de maior contía e especialmente do sector industrial, empréstitos de ata 5 millóns de euros a un máximo d e 12 anos.

Galicia 1000

Unha das prioridades da política económica da Xunta de Galicia é o fortalecemento e mellora da capacidade de financiamento do tecido empresarial galego. Neste contexto, impulsou a nova edición do programa Galicia 1000, un paquete integral de financiamento que ten como obxectivo de dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe empréstitos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado este ano con 70 millóns de euros para mobilizar 300 millóns de euros en iniciativas empresariais.

Bases e información da bonificación dos custes financeiros das micropemes galegas titulares de empréstitos inferiores a 25.000 euros.

Bases e información da bonificación dos custos financeiros das pequenas e medianas empresas titulares de empréstitos superiores a 25.000 euros.

(Fonte: IGAPE)