Iforest leva o accésit do II Premio Cámara de Comercio ao Proxecto Innovador Forestal

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Os emprendedores do proxecto Iforest, instalados en Tecnópole, recolleron hai uns días en Pontevedra o accésit do II Premio Cámara de Comercio ao Proxecto Innovador Forestal. Rodrigo Bravo e José M. Domínguez viron recoñecida así á súa iniciativa de poñer en marcha unha plataforma dixital para empresas e profesionais do sector forestal-madeira.

Iforest naceu hai xusto un ano, como solución ante unha necesidade detectada polos seus promotores: a falta de visibilidade das empresas do sector forestal-madeira en internet e a ausencia de sistemas de xestión ou plans de formación axeitados ás súas necesidades.

O galardón está incluído dentro do Plan Social impulsado pola Xunta de Galicia coa empresa Ence e ten unha dotación de 5000 euros para o primeiro premio e de 2000 para o accésit. O Plan Social plasma un compromiso coa cidade de Pontevedra e contempla axudas a colectivos, asociacións e clubs por valor de 180 millóns de euros, ademais de 15 millóns para a mellora do saneamento na ría ou 5 para a recuperación do Pazo de Lourizán.

Smartwood

Siro González, Begoña L. Castro e José Luis Gude, creadores da iniciativa SmartWood, recolleron o galardón principal pola súa plataforma web e móbil, que proporciona a información crítica para mellorar o rendemento de parcelas forestais. O seu asesor forestal dixital informa, para unha parcela rústica, da totalidade de especies forestais permitidas, así como a disposición máis adecuada de cada unha das plantas, tendo en conta as características da normativa e os marcos de plantación axeitados para cada tipo de produción.

Ademais, o asesor forestal determina, segundo a tipoloxía da especie forestal seleccionada, o rendemento madeireiro potencial e asígnalle o seu valor económico (en función dos prezos actuais do mercado), co fin de que o propietario coñeza o valor da súa plantación.

(Fonte: Xunta e Diario de Pontevedra)