A I+D galega, capaz de aportacións en vacinas, fármacos e modelos de decisión

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
“A saída desta situación virá da man da ciencia”. Afírmao o vicerreitor de Política Científica Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya, pero subscríbeo practicamente todo o ecosistema da I+D+i galegoa No recuncho noroeste da Península existen capacidades para facer achegas importantes na loita contra o novo coronavirus, empezando por un ámbito tan prioritario como a procura dunha vacina.
 

“Temos varios investigadores vencellados a traballos nesta liña ou consultados”, admite o reitor da USC, Antonio López, que cita por exemplo ao profesor Ángel Carracedo e aos grupos de investigación sobre xenética e xenómica desta universidade. E aínda que a confidencialidade das investigacións require discreción, unha das científicas galegas máis influentes, María José Alonso, vinculada ao Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus) da USC, recoñece estar a traballar nunha proposta coordinada a nivel nacional para o desenvolvemento dunha vacina, a cuxo servizo puxo as súas tres décadas de experiencia neste campo, especialmente coa nanotecnoloxía na aplicación dos posibles antíxenos desenvoltos por inmunólogos. 

Ao redor de centros singulares das universidades e institutos de investigación sanitaria asociados aos hospitais concéntranse os principais activos no campo biosanitario. Desde o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, por exemplo, apúntase á capacidade para detectar potenciais compostos antivirais. “Hai grupos de investigación que poden identificar novos compostos, procedentes da natureza ou de sínteses orgánicas. Temos un grupo en concreto que traballa na busca de compostos de orixe mariña e tamén algúns compostos xa baixo patente dos que se pode analizar a súa utilidade neste caso”, explica Jaime Rodríguez, coordinador do centro. 

Intelixencia artificial 

As achegas van máis aló do campo médico. O TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) e a intelixencia artificial teñen moito que dicir no control epidemiolóxico do virus e á hora de elaborar sistemas de apoio á toma de decisións. Nesta liña trabállase no Citic, da UDC. “A recompilación e a analítica de datos é fundamental. Grazas á intelixencia artificial podemos xerar ferramentas que permitan predicir que necesidade de camas podería haber nunha determinada zona nuns determinados días, previr o posible colapso dun centro sanitario ou que outros estarían en condicións de botar unha man asumindo máis carga”, explica Manuel González Penedo, coordinador deste centro, cuxos grupos de investigación xa traballan na presentación de varias propostas neste ámbito do coñecemento que poderían conseguir apoio financeiro na convocatoria extraordinaria de fondos activada polo Instituto de Salud Carlos III ou pola propia Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). 

Centros tecnolóxicos 

Desde o ámbito privado, o seis centros tecnolóxicos galegos tamén están preparados. “Hai máis de 500 tecnólogos galegos con capacidade para innovar”, apunta Carlos Calvo, presidente do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). A disposición da Administración ponen o seu potencial en cuestións como a impresión 3D ou a computación avanzada, para prestar apoio a proxectos biosanitarios ou para axudar á fabricación inmediata de equipos. “Temos capacidade de aceleración en procesos complexos, por exemplo se requiren deseño, prototipado ou testeo”, abunda Calvo. 

Fonte: La Voz de Galicia