A I+D farmacéutica española avanza a ritmo de récord

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O investimento en I+D+i por parte da industria farmacéutica afincada en España pechou o pasado ano 2017 con cifras récord. Alcanzou os 1147 millóns de euros, o que supón un aumento do 5,7%, e empregou a máis de 4700 persoas. Así o puxo de manifesto a Enquisa sobre Actividades de I+D de Farmaindustria, que confirma a tendencia á alza iniciada hai catro anos do sector farmacéutico innovador.

Os proxectos desenvolvidos en colaboración con hospitais e centros públicos e privados de investigación son a partida que experimentou unha maior subida dentro da I+D+i farmacéutica española. Creceu case un 10% ata alcanzar os 542,1 millóns de euros (o 47,2% do total). Estas cifras demostran "ata que punto a industria farmacéutica é o principal dinamizador do tecido investigador en España, e da investigación pública en especial", explicou o presidente de Farmaindustria, Jesús Acebillo.

Por comunidades autónomas, os hospitais e centros de investigación de Cataluña son os que máis investimento recibiron da industria farmacéutica con máis de 130 millóns de euros. A Comunidade de Madrid é a segunda con 118 millóns, seguida a certa distancia por Andalucía (39,7 millóns), Comunidade Valenciana (30,3 millóns) e Galicia (23,1 millóns).

Doutra banda, segundo este informe de Farmaindustria, case o 60% do investimento na I+D+i (662 millóns) foi para ensaios clínicos, mentres que a investigación básica levou algo máis de 131 millóns e a preclínica levou outros 60. Así mesmo, os estudos de farmacoeconomía e epidemioloxía supuxeron investimentos por valor de 113,8 millóns, mentres que as compañías destinaron 52,1 a desenvolvemento tecnolóxico.

Outro punto a ter en conta deste estudo, sinalaron desde Farmaindustria é que, no ámbito de ensaios clínicos, "confírmase a tendencia á alza dos investimentos en fases temperás (fases I e II), que son as que requiren dun maior nivel de complexidade". En concreto, estes ensaios xa representan o 36% do total da investigación clínica, mentres que os ensaios de fase III, que comparan a seguridade e eficacia do novo tratamento coa do fármaco de referencia vixente, supoñen un 54,6% do total.

Outro dos ámbitos nos que este documento tamén constata un aumento do investimento en 2017 é en biotecnoloxía. Concretamente, de 305 millóns de euros, o que supón un 26,5% do total do gasto en I+D farmacéutica en España. Con todo, Farmaindustria tamén puxo de relevo que as compañías utilizan a biotecnoloxía ou algunha ferramenta de orixe biotecnolóxico na fase preclínica e clínica son un 41% e un 50% respectivamente, e que o 15% das compañías asentadas en España producen medicamentos biotecnolóxicos.

(Fonte: Innovaspain)