O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, adiantou durante a inauguración do Primeiro Foro de Investimento Galicia 2011 que a Xunta vai habilitar un novo fondo de capital risco para empresas de base tecnolóxica cun presuposto de 20 millóns de euros.
Guerra, acompañado polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela de Lima, recordou durante o acto inaugural deste foro que no ano 2010 a institución apoiou 530 proxectos empresariais cun investimento próximo aos 19 millóns. O conselleiro apuntou que as empresas galegas presentan unha "carencia á propensión en innovación» e dixo que para mellorar o tecido produtivo de Galicia é preciso o «fomento, a xestación e o desenvolvemento de ideas empresariais competitivas e innovadoras".
Tamén afirmou que a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha o primeiro Foro de Investimento Galicia AT Venture para localizar proxectos innovadores e adiantou que na comunidade se elixiron sete entre máis de 60 iniciativas presentadas, despois dunha preselección de 19 propostas.
Os proxectos seleccionados son: Aqualgae, do sector de acuicultura, pesca e biotecnoloxía mariña; Argonáutica, de distribución e venda de material náutico; Asired Servicios Telemáticos, de creación de software e turismo; Confirmsign, que achega seguridade nas comunicacións a través de Internet; Hentopharnma, dermocosmético, veterinario e farmacéutico; Ikimap, de Internet, e Teimas Desenvolvemento, que traballa no medio ambiente.
O encontro albergou a celebración dunha mesa redonda coa participación de membros de redes de investigadores en Galicia como Bang, Uniban, Redlnvest ou InnoBan, e unha conferencia sobre as claves para un proxecto atractivo para os investidores do empresario Alejandro Suárez Sánchez-Ocaña.
Javier Guerra tamén se referiu á importancia que teñen as liñas directas de subvencións a fondo perdido a través de iniciativas coñecidas como Reemprende, ou para a concesión de créditos avalados e subsidiados ao amparo de re-Imaxina, así como fondos de capital risco xestionados por XesGalicia como Emprende, Xes-Innova e Xes-Posibilita.
O titular de Economía sinalou que os fondos de investimento, xunto coas redes de «business angels» representan hoxe unhas alternativas de financiamento empresarial moi interesante.
(Fonte: La Voz de Galicia)