'Galiciencia' é referente da Semana da Ciencia 2011 en España e participa no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A maior feira científica de Galicia, 'Galiciencia', será este ano actividade de referencia da Semana da Ciencia 2011 en España por medio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria. Durante os días 23, 24 e 25 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que 51 equipos de estudantes de toda Galicia, Cataluña e Euskadi mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación.
 
A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán os equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras posta en marcha polo Parque Tecnolóxico de Galicia hai varios meses. Ademais, a Fundación Barrié participará cun stand propio no que presentará a súa nova canle 'educaBarrié', unha plataforma web na que se poñen a disposición da comunidade educativa todos os contidos didácticos e materiais relacionados cos proxectos de referencia das súas áreas de actuación: patrimonio, cultura, investigación, educación e servizos sociais.
 
'Galiciencia' chega á súa sexta edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a participación no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química. Trátase dun exercicio sobre o pH do noso planeta no que alumnos voluntarios obterán unha mostra de auga natural de orixe local e medirán o seu pH utilizando solucións indicadoras de cor. A media dos resultados obtidos será enviada á base mundial de datos experimentais, xunto coa información sobre a mostra e os datos obtidos. Para realizar o experimento desprazarase ata Tecnópole Javier García Martínez, profesor titular e director do Laboratorio de nanotecnoloxía Molecular da Universidade de Alacante, vicepresidente do Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial de Davos e asesor da Unión Europea.
 
Talleres, planetario, cinema e periodismo
 
Con motivo da conmemoración do Ano Internacional da Química e do Ano Internacional dos Bosques, 'Galiciencia' contará con talleres sobre estas temáticas. No de química realizaranse 'trucos de maxia' (apagar candeas con fluídos invisibles, quentar globos con lume e que non exploten ou crear unha lanterna cun lapis) que en realidade esconden fascinantes fenómenos químicos. No caso dos bosques, os participantes coñecerán as principais características dos bosques galegos e estudarán os incendios forestais e os seus efectos, tarefa na que colaborará a empresa especializada Salvacon, que ten un dos seus centros de actividade en Tecnópole.
 
O terceiro dos talleres será un achegamento ás augas termais a través dunha perspectiva científica, incluíndo catas para aprender a diferenciar as súas características organolépticas.
 
Ademais, instalarase un planetario no que se farán observacións e se proxectará unha película inmersiva en formato 'fulldome' (cobre a totalidade do planetario) que explicará como se adestran os astronautas e os riscos que entraña viaxar ao espazo.
 
Por último, haberá sesións de cinema nas que se visionarán fragmentos de películas que forman parte do imaxinario colectiva ('Starwars', 'Mars Attack'...) e analizarase a súa base científica levando a cabo experiencias para comprobar se se axusta á realidade o que propón o cinema e descubrindo as técnicas que permiten á industria cinematográfica crear universos imposibles.
 
'Galiciencia' contará este ano coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será entregada a todos os asitentes á entrega de premios o último día.
 
Os amantes das novas tecnoloxías poderán, ademais, participar nunha ginkana descifrando as pistas que estarán distribuídas polas instalacións. Estas pistas estarán cifradas en códigos BIDI, imaxes codificadas que almacenan textos ocultos visualizables mediante a cámara dun smartphone.
 
(Fonte: Tecnópole)