Galicia é a quinta comunidade en firmas biotecnolóxicas e xunta o 11% do gasto en I+D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O sector biotecnolóxico galego leva tres anos en crecemento e xa converteu á comunidade na quinta de España con máis empresas que realizan actividades biotech, cun 8% das sociedades radicadas no conxunto estatal, só superada por Cataluña, Andalucía, Madrid e País Vasco.

A comunidade acolle ademais o 5% das sociedades que teñen a biotecnoloxía como principal actividade, e é a sexta autonomía con máis entidades deste tipo, por detrás de Cataluña, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana e País Vasco, segundo revela o informe anual da Asociación Española de Bioempresas (Asebio).

España conta con 2981 empresas vinculadas ao sector biotech e 654 que realizan actividades estritamente comprendidas dentro deste sector. Destas, o 9,3% están en Galicia, comunidade que ademais constituíu o 5% das sociedades deste sector creadas en España durante 2016.

Galicia é ademais líder na captación de financiamento empresarial complementario de entidades públicas como é a Empresa Nacional de Innovación (Enisa) para o fortalecemento das firmas. O 21% das operacións nacionais realizáronse a este lado dos Ancares por un valor de 3,5 millóns en forma de empréstitos participativos ou entrada no capital, o que representa un 45% do financiamento nacional. Entre os proxectos beneficiados por estas operacións atópanse SunRock Biopharma ou Health in Code (sector sanitario humano), Galician Mariñar Aquaculture e Laboratorios Cifga (alimentario) ou de novas tecnoloxías como a coruñesa Qubiotech Health Intelligence.

Un 11% do gasto en I+D

O informe de Asebio revela que o gasto de I+D en biotecnoloxía ascendeu en 2016 a 578 millóns de euros -un 8,3% superior ao de 2015 e un máximo histórico do sector-. Galicia concentrou durante ese período 64,6 millóns de euros, un 11% do gasto nacional. Asebio destaca ademais no seu informe como un dos fitos máis importantes no ámbito da Investigación e desenvolvemento biotecnolóxico español o proxecto SENSO3 que lidera a empresa galega Nanoinmunotech para desenvolver un innovador sistema de tratamento de augas residuais baseado no ozono e controlado por nanobiosensores.

A presidenta do Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), Carme Pampín, destaca como cada ano "se percibe o significativo avance e progreso do sector biotech en Galicia". "Estes indicadores [recollidos no informe de Asebio] reforzan o liderado da comunidade galega en aspectos tan importantes como a creación de empresas ou a captación de financiamento", engade Pampín, quen atribúe esta mellora dos datos ao gran potencial científico e empresarial que ten Galicia e ao impulso da Estratexia Galega de Impulso da Biotecnoloxía 2016-2020 que puxo en marcha a Xunta para potenciar o sector e consolidalo como ferramenta de competitividade coa mobilización de 200 millóns de euros en investimento ata 2020.

O sector biotech español xerou de forma directa e indirecta 90.000 millóns de euros de renda en 2015, en torno ao 8,6% do Produto Interior Bruto nacional, e en 2015 daba emprego a 930.000 persoas. En Galicia son 2100 traballadores os empregados por este sector emerxente e máis da metade dos empregos (1100) foron creados por un centenar de empresas por medio centenar de firmas das 61 que a día de hoxe existen na comunidade.

(Fonte: La Opinión)