Galicia prepara unha app para localizar contactos de posibles casos de Covid-19

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
 

Galicia traballa no desenvolvemento dunha aplicación móbil propia (app) para controlar a pandemia de coronavirus e contribuír a rastrexar os contactos de posibles infectados, que serán alertados da necesidade de illarse por un centro de teleoperadores creado ad hoc pola Xunta, aínda que esta non especificou canto persoal dedicará a esta tarefa nin se se está a realizar agora.

O rastrexo de contactos constitúe unha tarefa vital para evitar que un rebrote do Covid-19 cause un impacto similar ao que obrigou a decretar o estado de alarma a mediados de marzo. Para contribuír a esta tarefa, os gobernos estudan fórmulas tecnolóxicas aplicadas en países asiáticos que permiten trazar o mapa de relacións dunha persoa a través do seu teléfono móbil. Algo así está a planear a Xunta, a través da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que xa comunicou os seus plans á Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial.

A app galega traballará en dúas vías. Por un lado, permitirá ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicarse con persoas vulnerables (por idade ou enfermidades) e, por outro, facilitará o seguimento de contactos cun posible caso de Covid-19. Loxicamente, o éxito depende da vontade cidadá, que debe instalar a aplicación e permitir o acceso aos seus contactos.

A Amtega non ofrece detalles sobre o sistema, só aclara que funcionará por bluetooth, de análoga forma ao modelo ensaiado por, entre outros, o consorcio europeo PEPP-PT (Rastrexo paneuropeo de proximidade para preservar a privacidade). Esa tarefa facilitará o plan inicial da central de rastrexadores que implantará o Sergas, baseado nas chamadas telefónicas a un caso sospeitoso de Covid-19 para que detalle a xente coa que permaneceu máis de dez minutos os dous días previos ao comezo dos seus síntomas.

O plan pasa por telefonalos a todos e pedirlles que inicien unha corentena de 14 días. Se o sospeitoso finalmente dá negativo nunha PCR, poderá volver á rutina normal.

Un dos puntos fortes da app da Xunta reside na súa interconexión coa rede de vixilancia epidemiolóxica e de teleasistencia, así como coas bases de datos que quere establecer o Goberno central.

Fonte: Faro de Vigo