Galicia posiciónase como líder mundial na produción de novos materiais de aplicación industrial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A necesidade de incorporar novos compostos, capaces de substituír aos materiais tradicionais para lograr a eficiencia global de produtos e procesos, levou á industria galega a realizar un importante esforzo no desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras que permitan afrontar o problema da escaseza de recursos.

Estes novos compostos converteron a nosa comunidade nun referente a nivel mundial neste campo, e así púxose de manifesto no primeiro showroom de tendencias en novos materiais organizado polo Centro de Excelencia de Vigo.

A fibra de lousa, un material único no mundo desenvolvido a partir de residuos que permite a fabricación de diferentes pezas para obras de enxeñería civil, automoción, medicina ou material deportivo, foi un dos compostos presentados durante a xornada á que asistiron máis de medio centenar de persoas.

Tamén se deron a coñecer diferentes composites termoplásticos, que permiten fabricar vehículos máis lixeiros; biopolímeros derivados do amidón ou a celulosa, que se utilizan para crear envases de alimentos máis ecolóxicos; e fibras de madeira ou algas, para realizar, entre outras, próteses para medicina rexenerativa.

Materiais máis eficientes e sustentables

Elena Rodríguez de AIMEN foi a encargada de presentar os avances que está a levar a cabo o Centro no desenvolvemento de compostos termoplásticos para o sector da construción, destacando as innovacións incorporadas á soldadura neste tipo de materiais.

Na mesma liña, Alberto Tielas de CTAG compartiu cos asistentes as investigacións realizadas polo sector de automoción para poder fabricar coches máis lixeiros e sustentables. Tielas explicou que o uso de novos materiais como o plástico ou a fibra de madeira permiten abaratar os custos de fabricación, reducir o peso do vehículo e contar con motores menos contaminantes.

Paula Fajardo de ANFACO-CECOPESCA analizou o uso de biopolímeros na industria alimentaria, tanto para crear películas comestibles que alonguen a vida útil dos alimentos, como para fabricar envases biodegradables derivados de produtos como o amidón ou a celulosa, que garanten a conservación das propiedades dos alimentos sen causar un prexuízo ao medio.

Incidindo na idea de que é necesario optimizar ao máximo os recursos naturais, o director da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, José María Pou, presentou varias aplicacións no campo da medicina rexenerativa de materiais creados a partir de madeira ou algas. Por outra banda, o seu compañeiro Xosé Ramón Novoa, deu a coñecer novas tecnoloxías electroquímicas desenvolvidas para a investigación da corrosión de diversos materiais.

Por último, Alberto Miguéns de Mifibra explicou o proceso levado a cabo pola compañía para obter unha fibra, única no mundo, a partir de residuos de lousa. Trátase dun material con excelentes propiedades dende o punto de vista de resistencia térmica, química e mecánica, que permite a fabricación de diferentes produtos derivados como barras de pultrusión, tecidos para laminado, paneis illantes ou fío torcido, que poden utilizarse en obras de enxeñería civil, na fabricación de pezas para automoción, en medicina ou, mesmo, para material deportivo.

(Fonte: Centro de Excelencia de Vigo)