Galicia e Portugal comprométense a cooperar para avanzar cara a unha economía circular baseada no crecemento verde

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A colaboración transfronteiriza e a transferencia de tecnoloxía para a sustentabilidade son dinámicas clave cara á implantación da economía circular e o crecemento verde en Galicia e Portugal. Os participantes no foro celebrado a semana pasada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coincidiron en destacar estes dous factores para a evolución a un novo modelo socioeconómico baseado na redución de recursos e residuos, a reutilización, a reciclaxe e a recuperación de enerxía.

Durante a apertura do Foro de economía circular e crecemento verde, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, destacou que a economía verde é un dos novos elementos de competitividade a nivel global e que, cada vez máis, os fondos e programas de I+D+i se orientan cara a este modelo.

Argerey destacou que Comisión Europea destinará preto de mil millóns de euros no último período de Horizonte 2020 para financiar proxectos e iniciativas de I+D+i vinculadas á economía circular. Para apoiar a participación galega neste programa, a directora de Gain avanzou que dende a Xunta de Galicia se publicará proximamente unha liña de axudas dotada con cinco millóns de euros para apoiar ás empresas e centros de coñecemento na presentación de solicitudes ás convocatorias de H2020, e no apoio aos proxectos cando obteñan da Comisión Europea o selo de excelencia.

Así mesmo, informou de que Gain participa como socia no proxecto europeo C-Voucher que apoia pemes europeas que incorporen modelos de negocio de economía circular para converter cadeas de valor lineais en circulares e que actualmente ten aberta unha convocatoria dirixida a pemes dos sectores téxtil, fabricación, marítimo, agroalimentario e saúde.

Este apoio alíñase coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que identifica entre as súas prioridades potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización dos procesos produtivos e da ecoinnovación para a mellora da súa eficiencia e comportamento ambiental, así como co compromiso da Xunta de Galicia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas, un grupo de medidas para mellorar a vida das xeracións futuras de xeito sustentable.

Tecnópole como exemplo

O director de Tecnópole, Ricardo Capilla, sinalou que o Foro de economía circular e crecemento verde Galicia e Portugal busca fomentar o intercambio entre os dous territorios de contactos e experiencias sobre a innovación orientada ao cambio produtivo cara á sustentabilidade.

Capilla, que destacou que actualmente só o 9,1% dos residuos producidos no mundo son reciclados, avogou por un crecemento económico sen destrución, xa que o modelo actual lineal, no que o final dun produto é converterse nun residuo, xa non funciona.

Neste sentido, subliñou que o papel da tecnoloxía e do coñecemento é clave para este cambio produtivo, así como a sistematización nas empresas das dinámicas sustentables. Capilla destacou que Tecnópole, na súa condición de ecosistema innovador e tecnolóxico, asume o seu deber de exercer como exemplo na transición á economía circular e a apoiar as empresas galegas neste proceso.

Transferencia de tecnoloxía

Céu Filipe, da Associação Empresarial de Portugal, sinalou que na transición á economía circular é fundamental a interacción entre o sistema científico-tecnolóxico e a empresa, así como sensibilizar a cidadanía en conciencia verde. Ademais, defendeu que as rexións deben ter estratexias propias e coordinarse para amplificar o impacto das accións, incluíndo a cooperación transfronteiriza.

A necesidade de acelerar a transferencia ao mercado das tecnoloxías que fan posible a sustentabilidade empresarial centrou a intervención do director do centro tecnolóxico galego EnergyLab, Juan Rodríguez. A este respecto, advertiu que queda camiño por percorrer no campo das estratexias para optimizar a reciclaxe e a reutilización, de maneira que non se perda calidade nos produtos ou se xeren perdas de enerxía asociadas ao seu aproveitamento.

Pedro Cilínio, directivo do Instituto de Apoio às Pequenas e Médias Empresas de Portugal, precisou que as empresas só farán a transición á economía circular se perciben que poden obter máis valor económico e ser máis competitivas.

Os representantes galegos dos sectores do téxtil, da xestión de residuos e do forestal que participaron nas mesas sectoriais do foro coincidiron en celebrar a orientación transfronteiriza do foro, destacando que Portugal é un socio estratéxico.
Parque Tecnolóxico de Galicia organizou o evento en calidade de nodo en Galicia da Enterprise Europe Network, a través do consorcio Galactea Plus, coa colaboración do centro tecnolóxico EnergyLab e a empresa Exportrends. A participación portuguesa no foro foi coordinada pola Associação Empresarial de Portugal.

(Fonte: Tecnópole)