Galicia, na loita científica contra a Covid

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A ciencia e a innovación españolas sumáronse ao maratón científico internacional e desenvolven múltiples proxectos para paliar a emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19. As Universidades de Santiago e A Coruña, en colaboración con outras estranxeiras, así como Centros de Investigación e empresas innovadoras de Galicia recibiron financiamento público para levar a cabo proxectos de I+D+i sobre o virus SARS-CoV-2 e a enfermidade que provoca. Galicia, segundo o Ministerio de Ciencia e Innovación, lidera dez proxectos financiados polos Fondos Covid e o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Tres destes estudos participan na procura dunha vacina e o resto son proxectos sobre diagnóstico, fármacos e tratamento, así como estudos de diagnóstico, de inmunidade, de epidemioloxía, de bioloxía e do comportamento do virus.

Universidade de Santiago de Compostela e vacina

O Centro Singular de Bioloxía lidera o proxecto Ciqus USC que desenvolve unha posible vacina mediante esferas proteicas e microARN con vectores peptídicos. “An Efficiente Peptide Vector for mRNA Vaccination Against Covid-19” desenvolverá unha plataforma para cribar posibles alternativas que poden ser utilizadas como transportes de xenes para a vacina.

CZ Veterinaria SA e vacina

Esta empresa internacional con sede no Porriño desenvolve unha vacina por proteína fronte  ao coronavirus mediante a expresión da proteína S no virus vaccinia modificado de Ankara. Ademais, recibiu tamén fondos para un segundo proxecto, o desenvolvemento dunha plataforma de fabricación de vacinas fronte a enfermidades víricas emerxentes. CZ VETERINARIA busca superar as limitacións tecnolóxicas que leva a optimización da replicación viral a nivel industrial en cultivos celulares.

Universidade da Coruña e comportamento do virus

O departamento de Enxeñaría lidera un estudo de comportamento do virus denominado Virion Breeak: Cálculo dinámico da cápside do SARS-CoV-2 para a súa destrución por resonancia. O dispositivo resultante podería ser usado con fins profilácticos de forma inmediata para a desinfección de material inerte e de residuos biolóxicos contaminados. Se se determina as frecuencias de vibración e a enerxía necesaria podería tamén aplicarse con fins terapéuticos.

Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e medicamentos

Aborda o efecto do consumo de medicamentos antes e durante a infección por SARS-COV-2 na evolución de pacientes con Covid-19. Un estudo de cohortes de base poboacional. Analizaranse cohortes de pacientes tratados con antihipertensivos e antiinflamatorios co obxecto de identificar terapias asociadas a unha mellor ou peor evolución da enfermidade.

Universidade de Santiago e inmunidade

Un dos estudos que acometen científicos galegos en colaboración con equipos internacionais é o desenvolvemento de vehículos para a xeración de inmunidade mediante a incorporación de proteínas  virais do SARS-CoV-2 en microesferas. O proxecto analiza o uso de nanotecnoloxía que busca desencadear no paciente unha resposta inmune fronte ao virus o máis efectiva posible. A investigación realizarase en primeiro lugar con modelos animais e supón unha aposta pola diversificación da procura de vacinas.

Estudo PREDICO e evolución e expansión do virus

A Predición dinámica de escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo analiza na Universidade de Santiago os modelos de predición dinámica a curto e medio prazo. O obxectivo é predicir a evolución da expansión e incidencia da pandemia e liquidar un dos principais problemas cos que se están a enfrontar os modelos coñecidos: a fiabilidade dos datos dispoñibles, tanto por dificultades nos mecanismos de detección como por unha probable abundancia de casos asintomáticos.

Lincbiotech e kit de diagnóstico rápido

O desenvolvemento dun kit de diagnóstico rápido do virus por cromatografía de fluxo lateral é o proxecto que desenvolve a firma Lincbiotech SL no parque tecnolóxico de Ourense.

Fundación Biomédica Vigo e prevención

O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur aborda a creación dunha cohorte de pacientes Covid-19 da área de Vigo. O estudo de mostras permitirá a execución de estudos clínicos e experimentais para incrementar o coñecemento e optimizar a prevención, diagnóstico, seguimento clínico e tratamento dos pacientes infectados, favorecendo os consorcios e grupos de estudo con centros nacionais e internacionais.

Prognóstico e modelo preditivo

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago desenvolve un modelo preditivo baseado na construción de algoritmos de supervivencia e na clasificación dos pacientes, que tamén medirá a efectividade de diferentes fármacos. O obxectivo neste caso é identificar os pacientes máis vulnerables fronte á Covid-19.

Fonte: Faro de Vigo