Galicia lidera a produción de silicio en España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A Asociación da Industria Fotovoltaica (Asif), integrada na Unión Española Fotovoltaica (Unef), desvelou en Santiago de Compostela a situación da enerxía fotovoltaica en Galicia. Primeira Comunidade Autónoma en produción de silicio, a materia prima básica dos paneis solares, Galicia non aproveitou o despegue experimentado nos últimos anos, pero conta con sobrado potencial para iso.
 
Con máis irradiación que Alemaña, líder fotovoltaico global, Galicia pode beneficiarse enormemente das virtudes da tecnoloxía solar, motor de desenvolvemento económico e emprego.
 
España conta coa cuarta industria fotovoltaica do mundo, tras China, Alemaña e Xapón, e é un dos poucos países que poden presumir de cubrir todos os elos da cadea de valor da tecnoloxía solar, dende a produción de silicio ata a de paneis solares. Na Coruña, concretamente, está a maior planta de produción de silicio do país.
 
O tecido industrial directamente asociado á enerxía fotovoltaica no territorio complétase cunha fábrica de paneis solares de capa delgada -tecnoloxía paralela á do polisilicio tradicional e capaz de producir integramente os xeradores solares- e outro centro de fabricación de seguidores, as plataformas sobre as que se sitúan os paneis en moitos 'hortos' solares.
 
O mercado fotovoltaico está moi globalizado e Galicia orienta a súa produción solar maioritariamente á exportación, pero pódeselle considerar a base de toda a industria fotovoltaica española posterior.
 
En Galicia non se dispón da mesma irradiación que no Sur da península Ibérica -iso exclúe o aproveitamento doutras tecnoloxías solares, como a termosolar-, pero conta con luz solar máis que suficiente para o aproveitamento da tecnoloxía fotovoltaica.
 
Grazas a un vertixinoso descenso en custos -en España as tarifas descenderon un 70% nos últimos catro anos- prevese alcanzar a curto prazo a paridade de rede e a rendibilidade directa do autoconsumo fotovoltaico: a mediados da presente década, aos consumidores xa nos resultará máis rendible xerarnos a nosa propia electricidade cuns paneis solares situados no tellado que comprarlla á compañía eléctrica.
 
A estas e outras innegables vantaxes da fotovoltaica -xa produce electricidade durante un 30% máis horas que a hidráulica ou que o fuelóleo- únese a obriga de alcanzar o obxectivo europeo de cubrir un 20% de consumo enerxético con enerxías renovables en 2020, o que augura un importante crecemento da tecnoloxía, cuxa presenza en España se duplicará na presente década.
 
De acordo co Plan de Enerxías Renovables 2011-2020, só pendente da aprobación do Consello de Ministros, a fotovoltaica será a fonte de enerxía renovable que máis emprego xerará durante os próximos anos, ata alcanzar a cifra de 59.022 postos, o 20,5% de todo o emprego renovable do país.
 
(Fonte: Energética XXI)