Galicia foi a cuarta comunidade que máis investiu en biotecnoloxía entre 2000 e 2010

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Galicia foi a cuarta comunidade que máis investiu en investigación biotecnolóxica na última década, con 59,2 millóns de euros, unha cantidade que se sitúa por detrás de Euskadi, Andalucía e Madrid. Esta última, xunto con Cataluña, foi a que máis fondos recibiu da Administración central para dar soporte a esta actividade.
 
Esta é unha das conclusións recollidas no informe 'A relevancia da biotecnoloxía en España 2011', un documento elaborado pola Fundación Genoma España, que analiza a importancia científica, económica, empresarial e social da biotecnoloxía española, a súa evolución dende 2000 e a súa comparación con outros países.
 
Segundo este estudo, as achegas do Estado (Ministerios de Ciencia e Innovación e de Sanidade) á biotecnoloxía realizadas entre 2000 e 2010 representan aproximadamente o 75% da subvención total recibida por cada rexión, mentres que as administracións autonómicas achegaron un 24% e a UE entre o un e o dous por cento restante.
 
Así, entre 2000 e 2010, as principais beneficiarias do financiamento estatal foron Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciá. De feito, só entre Madrid e Cataluña absorberon case o cincuenta por cento do total de fondos públicos dedicados polo Estado á biotecnoloxía, seguidas de Andalucía, cun 18%, aproximadamente.
 
Cun presuposto medio do cinco por cento cada ano están o País Vasco, Galicia, Murcia, Valencia, e Castela e León, mentres que todas as demais recibiron menos do dous por cento dos fondos estatais.
 
Dende a óptica das comunidades autónomas, as que máis fondos achegaron á biotecnoloxía foron o País Vasco e Andalucía, con investimentos para o período 2000-10 de entorno a 200 millóns de euros cada unha, seguidas por Madrid, Galicia e Cataluña, que destinaron entre 50 e 100 millóns.
 
O informe advirte de que o investimento dos gobernos tanto nacionais como rexionais por fomentar a biotecnoloxía (a ciencia e a tecnoloxía aplicada a organismos vivos), é un "excelente indicador que permite prever a posible evolución desta ciencia.
 
Se este razoamento é certo, hai que preocuparse porque as subvencións e os créditos públicos á biotecnoloxía en España se sitúan en niveis cada vez máis baixos.
 
Así, despois de que en 2007 o Estado dedicase a cifra marca de 589 millóns de euros (un 400% máis que en 2000 e un 58% máis que en 2006), en 2008 o Goberno rebaixou o investimento ata 507 millóns de euros, para aumentalo a 565 millóns en 2009 e volver reducilo drasticamente ata 467 millóns en 2010.
 
(Fonte: EFE)