Galicia ensaia un coche intelixente deseñado para evitar accidentes de tráfico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Denomínanse ITS, sistemas intelixentes de transporte, e salvaron moitas vidas nas estradas galegas: radares, paneis informativos, airbags, sistemas de freado e de control de tráfico. Recentemente celebrouse unha xornada en Santiago na que se presentou o programa Siscoga, un proxecto de I+D posto en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia para interconectar os coches coas infraestruturas viarias e reducir así a sinistralidade nas estradas.
 
Os vehículos de nova xeración xa incorporan unha central de información que activa os limpaparabrisas se chove, rexistra se están activadas as luces antinéboa ou se se produciu unha freada. Pero esta información queda no vehículo e non se transmite a outros. Siscoga (Sistemas Cooperativos Galicia) aproveitará os centros de xestión e a fibra óptica da propia DGT para enviar esta información a vehículos que veñan detrás. "Podemos transmitir a un coche que vaia cinco quilómetros detrás información importante, como unha freada brusca ou unha desaceleración", explica Ramiro Martínez, director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste e presidente de ITS Galicia.
 
Probas en outubro
 
O proxecto, amparado no Plan Galego de I+D+i, xa se realizou, e agora comezan as probas na estrada. Vinte vehículos equipados comezarán a circular no mes de outubro. Farano nun tramo de sesenta quilómetros de autoestradas e autovías con climatoloxía moi variable e cada dous quilómetros situarase unha unidade de comunicación cooperativa unida a través de fibra óptica para informar aos vehículos de atascos, accidentes ou fenómenos meteorolóxicos.
 
A intención dos responsables do proxecto é que sexan condutores non profesionais os que os proben durante un período dun ano e despois sacaranse as conclusións para comprobar se mellorou a seguridade ou se reduciron os tempos de demora de cara a unha comercialización.
 
Navegadores
 
Os vehículos necesitarán algún tipo de interface ao que chegue a información, como navegadores ou outras pantallas de alta resolución. Sobre cando poderán comercializarse vehículos xa equipados con estes programas de aviso bidireccional, Martínez explica que "iso xa depende do tirón que lles queiran dar os fabricantes". Ao igual que aconteceu con outros sistemas de seguridade como o ABS, primeiro incorporarano os vehículos de gama alta e, a medida que se vaian implementar, estandarizaranse "ata que se publique unha ordenanza que os obrigue a instalar de serie", explica Ramiro Martínez.
 
(Fonte: La Voz de Galicia)