Galicia aposta polas espiñas de peixe para protexerse do sol

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Os descartes da pesca son utilizados dende hai tempo na fabricación de fariñas, e o fosfato cálcico presente nos espiñazos descubriuse como un compoñente ideal para implantes dentais ou próteses. "Nunha de cadeira, o titanio funciona ben, pero se a recobres con fosfato cálcico, integrarase mellor e será máis amable para o corpo", explica Juan María Pou Saracho, catedrático do Departamento de Física aplicada da Escola de Enxeñería Industrial na Universidade de Vigo, onde levan dez anos investigando as posibilidades deste ingrediente natural.

"Tamén serve para purificar augas contaminadas con colorantes tóxicos, xa que as partículas de fosfalto cálcico teñen unha gran capacidade para filtrar metais pesados". Cando analizan as partículas de fosfato cálcico das espiñas para saber a súa composición, sométenas a distintos tipos de iluminación, entre elas a luz ultravioleta. "Comprobamos que a absorbía moi ben así que deducimos que podería bloquear ben a luz solar", conta Pou.

Para obter os filtros solares, pasan esas partículas de fosfato cálcico por unha nube de vapor metálico xerada por un feixe láser, incorporando elementos metálicos ao fosfato cálcico e obtendo as partículas modificadas que son a base para os novos filtros. "Así a radiación reflíctese de forma dispersa. Iso non quere dicir que se poñemos esa crema, vaiamos ser como o vilán de Terminator", aclara o catedrático.

Non todos os peixes achegan o mesmo. O granadeiro ou a palometa teñen unha cantidade de fosfato cálcico moito menor que o atún, o peixe espada ou o bacallau, mentres que a pescada ou a robaliza estarían nunha situación intermedia.

A vantaxe respecto a formulacións que xa se comercializan, con compostos como o dióxido de titanio ou o óxido de cinc, é que o material é inocuo para a saúde e para o medio. "Os ingredientes químicos absorben a radiación, co cal esta non chega á pel, pero o produto quéntase e ese quentamento non lle vén ben ás células da pel. Outros filtros conteñen outras partículas que reflicten a luz, polo tanto non hai quentamento, pero producen radicais libres que provocan o envellecemento da pel".

Respecto ao impacto no medio mariño, diferentes estudos demostraron o devastador efecto dos compostos dos actuais protectores solares. "En Hawái prohibiron a venda de bronceadores con oxybenzona e octinaxato porque se están a cargar os arrecifes de coral".

O próximo paso deste grupo de investigación encabezado polo Dr. Mohamed Boutinguiza e Mónica Fernández-Arias é conseguir traspasar a barreira do laboratorio e chegar ao consumidor. "Somos optimistas sobre a posibilidade dunha saída comercial. De feito, xa hai unha empresa estranxeira interesada", recoñece Pou. E que ninguén pense que irá ulindo a peixe pola praia: "O material co que traballamos vén conxelado e non ole. Chega tratado".

(Fonte: La Voz de Galicia)