A galega Urovesa fabrica un prototipo de vehículo militar manexado por control remoto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A empresa Urovesa, fabricante de vehículos especiais, civís e militares, traballa na posibilidade de sacar ao mercado vehículos que poidan manexarse por control remoto. A colaboración coas universidades fixo posible fabricar un prototipo.

"As primeiras probas foron satisfactorias, a solución industrializada terá que vir no futuro", segundo indicou o conselleiro delegado, Justo Sierra. Esta tecnoloxía sería de especial utilidade no campo militar, pois permitiría aumentar a seguridade dos operativos en situacións de lume cruzado ou explosións.

O próximo paso sería fabricar un vehículo robotizado que puidese circular de forma autónoma, aínda que ese reto se formula máis a longo prazo, puntualizou Sierra.

Dos plans de futuro de Urovesa e do seu presente falouse con motivo da visita que realizou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, á planta situada en Valga. Conde citou a Urovesa como exemplo de diversificación, internacionalización e innovación no tecido industrial galego, e recordou que a Xunta de Galicia mantén aberta unha liña de axudas neste campo a través do programa Fábrica Intelixente, á que xa se acolleron as firmas Finsa, Cupa e Copo.

Urovesa é líder no seu sector, xera cincocentos postos de traballo directos e indirectos e exporta actualmente a vinte e cinco países. Os seus todoterreos da gama Vamtac circulan por lugares tan dispares como España, Malaisia e Indonesia, e non só en misións militares. Este mesmo ano vendeu a Arxentina sesenta camións contraincendios para protexer os parques nacionais do país.

O conselleiro e demais autoridades participantes na visita tiveron ocasión de ver un todoterreo Vamtac en acción, subindo e derrapando por montañas de area, nas que o vehículo demostrou a súa capacidade de manobra e resistencia. O destino destes modelos adoita ser militar e a súa gama é moi ampla, dependendo da tecnoloxía e compoñentes que incorporen. O seu custo oscila entre 130.000 e 400.000 euros.

(Fonte: La Voz de Galicia)