Gaélica Solar saca ao mercado un sistema para plantas de interior que logra simular a luz natural usando enerxía renovable

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa Gaélica Solar, con sede en Tecnópole, acaba de sacar ao mercado un sistema autónomo que imita a luz natural para manter vivas e facer que crezan as plantas de interior. Grazas a unha lámpada LED que obtén a enerxía necesaria dun panel solar, a planta recibe radiación lumínica nas gamas cromáticas que lle fan falta para crecer, mesmo en lugares como sotos ou segundas vivendas que se manteñen pechadas durante o inverno.

"É habitual que as plantas que quedaron na casa de verán non sobrevivan ao inverno aínda que lles deixemos un sistema de rego. A falta de calor e a escasa radiación solar frean ou paralizan de xeito definitivo o seu metabolismo causándolles a morte", explica Manuel Eirín, xerente da empresa. "Con este novo sistema, sen custo enerxético ningún, poderán perdurar durante moitos invernos".

O sistema permite tamén ter unha horta en lugares pechados sen luz natural como son os garaxes. Flores, hortalizas e todo tipo de vexetais poden xerminar, crecer, florecer e dar froito sen necesidade de recibir a luz directa do sol, só con esta lámpada ben orientada cara a eles.

"Este produto nace dunha demanda recollida na nosa filial en México, onde a maior parte dos negocios se instalan en sotos para evitar roubos,", expón Eirín. "A partir de agora poderán substituír as plantas de plástico por outras naturais e que crezan tan ben coma se estivesen ao lado dunha ventá".

O consumo enerxético da lámpada é nulo, xa que se nutre da electricidade xerada a partir dun panel solar colocado no exterior do edificio sen impacto visual.

Unha cor para cada función

A lámpada emite luz azul, vermella e maxenta. A inclusión doutras gamas, como a ultravermella ou a ultravioleta, desestimouse porque, aínda que son beneficiosas para o crecemento e a eliminación de insectos portadores de pragas, poden ser nocivas para as persoas.

A luz azul favorece o crecemento, mentres que a vermella é fundamental para a floración e a maxenta contribúe a un desenvolvemento precoz da planta.

Este novo desenvolvemento de Gaélica Solar súmase a un extenso catálogo de produtos innovadores relacionados coas enerxías renovables e cun impacto moi particular sobre os sectores primarios. É o caso do kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico; os alimentadores solares automáticos para gando; o deshidratador solar antioxidante, que, a través dun pequeno equipo portátil, permite deshidratar produtos no mesmo punto de colleita; e a depuradora autónoma de auga mediante luz ultravioleta con efecto xermicida, aplicable por exemplo en fontes públicas.

(Fonte: Tecnópole)