O futuro da IA: así afectará un algoritmo á túa educación, saúde ou privacidade

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A intelixencia artificial (IA) está cada vez máis presente en moitos aspectos da nosa vida, aínda que normalmente a asociamos a dous extremos: o ocio (o altofalante que nos pide comida ou a plataforma de series que nos suxire unha nova en función das nosas preferencias) ou os perigos da privacidade (a aplicación que avalía os nosos gustos e nos mostra publicidade acorde).

Non obstante, o certo é que a IA vai conquistando terreo a pasos axigantados e gañando presenza noutros sectores habitualmente non acostumados a este tipo de tecnoloxía. ¿Ata que punto acabará incidindo de verdade no noso día a día?

Esa é precisamente a pregunta que busca responder Future Trends Forum (FTF), o 'think tank' multidisciplinar e internacional da Fundación Innovación Bankinter, que cada ano analiza as posibilidades e o futuro dunha tendencia innovadora coa axuda de preto de 500 expertos de todo o mundo. Na súa trixésimo segunda edición, o FTF lánzase unha pregunta: ¿como será a IA no ano 2030? Para respondela analizouse tanto o seu desenvolvemento tecnolóxico como as capacidades e impactos que terá na nosa vida nos próximos dez anos.

1. - Educación

O sector educativo quizais fora tradicionalmente un dos máis remisos aos cambios, quizais polo complexo do sistema. En calquera caso, os expertos do FTF consideran que, dentro de dez anos, a intelixencia artificial estará metida de cheo na educación.

Isto significa que en vez de adaptar os alumnos a un currículo predeterminado e idéntico para todos, haberá camiños distintos. Os sistemas educativos contarán con algoritmos de IA que analizarán tanto o desempeño dos alumnos nunhas disciplinas ou outras (letras, ciencias, tecnoloxía, arte...) como as habilidades que mostran na aula. Unha vez feito o diagnóstico, cada alumno terá follas de ruta distintas en función do que se considere que se lle vai dar mellor.

2. - Saúde

A IA leva anos 'coqueteando' coa saúde, sobre todo a través dos reloxos intelixentes que utilizan moitas persoas para medir as súas pulsacións e demais constantes vitais. A predición do informe apunta que estes algoritmos xogarán un papel esencial á hora de facer máis efectivo o sistema sanitario.

Farano a través de dispositivos que midan determinados parámetros nos pacientes, pero non só con iso. Ademais, a intelixencia artificial será capaz de cruzar datos e síntomas para prever escenarios futuros, posibles afeccións ou enfermidades, así como o seu tratamento. Neste sentido, serán unha axuda para os médicos, que poderán destinar máis tempo (e máis dedicación) a cada un dos seus pacientes.

3. - Privacidade e seguridade cidadá

Os datos son, sen dúbida, o petróleo do século XXI. Neste sentido, non son poucos os que consideran un perigo a circulación de datos que, ben cruzados e analizados, poden supoñer un serio trastorno para a privacidade dos usuarios. Neste sentido, a IA ten moitas posibilidades, pero tamén moitos retos.

Entre as oportunidades atópase a opción de procesar cantidades inxentes de datos para tomar mellores decisións en áreas como a saúde pública, a inclusión financeira, o cambio climático ou a axuda en emerxencias ante, por exemplo, desastres naturais.

Ademais, hai anos que a intelixencia artificial está sendo usada por grupos de ciberdelincuentes para lanzar todo tipo de ataques informáticos. Por iso, outro dos obxectivos a conseguir é que a circulación de datos sexa totalmente segura e non corra o risco de caer en mans alleas.

5. - Ámbito empresarial

As empresas sempre buscan ser xestionadas coa maior obxectividade posible, pero non nos enganemos: todos os seres humanos temos nesgos dun ou outro tipo que acaban afectando ás nosas decisións. O reto da intelixencia artificial aquí, polo tanto, é a de achegar un plus de obxectividade moi difícil de atopar nun cerebro humano.

Imaxinemos, por exemplo, que unha grande empresa está a diversificar a súa actividade e dubida entre lanzar varios modelos de negocio distintos. Máis alá do instinto dos seus directivos, os algoritmos baseados en IA poderán analizar a situación actual do sector ao que se queren dirixir, o escenario futuro, a evolución da competencia, etc. A IA tamén pode servir para analizar a evolución das marxes financeiras, o desempeño dos empregados... En definitiva pode axudar a tomar máis e mellores decisións.

6. - Administración Pública

A Administración Pública tamén ten un reto tecnolóxico que se prevé moi importante, segundo os expertos, en termos de gañar eficiencia e de aspirar a ofrecer mellores servizos aos cidadáns. É algo que xa estamos a ver, por exemplo, nas 'smart cities'. Se un concello automatiza o control da conxestión do tráfico, as necesidades de auga en certos espazos ou os pasos por certas zonas de iluminación pública, a intelixencia artificial diralle exactamente en que áreas dedicar máis esforzos e de que xeito facelo.

¿Como adaptarnos ao novo mundo?

A transición cara a un contexto en que a intelixencia artificial toma moitas das nosas decisións non é sinxela, que dúbida cabe. En aras de irnos adaptando ao escenario futuro, os expertos do Future Trends Forum consideran imprescindibles varias accións.

Colaboración entre persoas e máquinas

Non se trata de enfrontar o humano e a máquina, senón de que o primeiro poida seguir traballando grazas á axuda da segunda. Por iso, o humano debe estar sempre no centro e ser a prioridade. Calquera actividade tecnolóxica deberá pasar antes un filtro no que os expertos se aseguren de que non vai causar prexuízos, senón xusto o contrario.

Prevención e solución de riscos

Diciamos antes que os seres humanos temos nesgos, pero sería iluso pensar que a Intelixencia Artificial, en tanto que é desenvolvida por humanos, carece deles. Por iso é esencial afrontar eses nesgos, render contas sobre eles, instaurar políticas de privacidade comprensibles, educar á cidadanía no coñecemento da IA, velar polo cumprimento dos dereitos dixitais e, en definitiva, potenciar o desenvolvemento da intelixencia artificial para o ben social.

Xestión de procesos públicos e privados

As administracións públicas e privadas que apliquen IA á súa toma de decisións verán como a cadea de mando non cambia necesariamente, pero si inclúe novos factores. En calquera caso, sempre deben ter en conta que estes cambios teñen como obxectivo levar a cabo unha xestión máis eficiente duns recursos cada vez máis limitados.

(Fonte: El Confidencial)