Unha firma viguesa crea un robot para acompañar a persoas maiores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A principal liña de negocio de Ledisson é a programación de robots. Entre outras moitas, traballa para as principais compañías de automoción do mundo, desde Mercedes a Porsche pasando por PSA ou Volkswagen. A americana Tesla foi a última en renderse ao talento dos seus profesionais, cuxa idade media non supera os 25 anos.

“Si, un grupo de rapaces de Vigo e a súa contorna están en California programado as liñas de produción dos novos modelos da marca”, afirma o director de desenvolvemento de negocio, Francisco Calvo, que engade que teñen un segundo equipo en Finlandia, neste caso traballando para o novo Clase A de Mercedes que se presentaba hai uns días.

Pero Ledisson tamén traballa en interno, sen responder a demandas de terceiros. É neste contexto no que se embarcou no desenvolvemento dun robot ideado para acompañar ás persoas maiores e, chegado o caso, ser a voz que advirta aos familiares ou aos médicos que sufriu unha caída, un esvaecemento, unha súbita subida de tensión...

Francisco Calvo explica que a idea xurdiu hai uns meses, tras asistir a un encontro no que participan tamén empresas especializadas en atención a anciáns. “Pensamos que poderiamos dar resposta non só a algúns dos problemas que comentaban, senón á dura realidade, cada vez máis habitual, de persoas que morren soas sen que ninguén se dea conta ata días máis tarde”. Así foi como xurdiu o embrión de Aidbot. É o nome co que bautizaron o robot que están desenvolvendo, cuxo prototipo pretenden que vexa a luz no verán.

O proxecto vai tomando forma da man de dous centros xerontolóxicos, o vigués Atendo e o pontevedrés Saraiva, ambos especializados en ofrecer coidados personalizados. “A súa experiencia é moi valiosa porque coñecen moi ben as necesidades dos avós”, sinala Calvo.

Así, por exemplo, no caso das residencias Aidbot pode ser un valioso aliado como vixilante. “Normalmente, hai unha ou varias persoas que recorren as distintas plantas e estancias periodicamente para comprobar que todo está ben. É unha tarefa que pode facer o robot, e como estará dotado de cámara e altofalantes, poderá desde dar conversación aos maiores ata facer soar a canción que lles gusta”.

Outra utilidade importante serán as terapias. Calvo explica que pode ser moi útil en caso de alzheimer porque proporcionará reforzos tanto visuais como auditivos aos pacientes, aos que obrigará a facer os exercicios que se programen. A utilidade en casa, sobre todo para as persoas que viven soas, non será menor. O feito de estar conectado a Internet e dispoñer de cámara e micrófono permite interactuar en calquera momento. Disporá ademais de recoñecemento facial. “Poderá desde reproducir as películas ou cancións que nos gusten a dicir que tempo fará pasando por recordarnos que é a hora de tomar tal ou cal pastilla ou que deixamos o lume da cociña acendido”, sinala Calvo.

Aínda que o máis importante, engade, é que permite estar en todo momento conectados coa familia ou co médico. Poderán estar monitorizados, e como o robot te segue pola casa, alerta se se produce calquera problema. “O botón de emerxencia conecta directamente. Non fai falta pulsalo”. Unha misión non menor de Aidbot será proporcionar compañía. Como se pode programar a demanda, pode compartir paseos co usuario mentres conversan, xa que responde a case calquera pregunta. O que xa se sabe é que non será un produto barato.

Plataforma de conexión de robots

As mentes dos 50 mozos profesionais que integran o cadro de persoal de Ledisson están en constante ebulición. Un dos últimos proxectos nos que se embarcaron é no desenvolvemento dunha plataforma que interconecte todos os robots de calquera fábrica.

O director de I+D+i da empresa, Hugo Barreiro, é o ideólogo da iniciativa que saben de antemán que se vai recibir cos brazos abertos. As empresas de automoción, os seus principais clientes aínda que non os únicos, traballan con autómatas non só de diferentes fabricantes senón de diferentes xeracións e, por tanto, cada un co seu sistema propio.

A plataforma deseñada por Ledisson permitirá que todos poidan estar conectados entre si o que, entre outras cousas, facilitará sobremaneira o mantemento aforrando tempo e diñeiro, por no falar do feito de que permitirá alongar a vida de robots que se queden desactualizados. “Moitas empresas sorpréndense do que somos capaces de facer”, recoñece Hugo Barreiro.

Están especialmente enfrascados no apartado de seguridade, vital nos contornos nos que han de convivir persoas e máquinas. O proxecto é un dos seleccionados na última edición da aceleradora da automoción: Bussines Factory Auto. O obxectivo é que antes de que remate o ano a plataforma estea xa en fase de probas.

Os inicios de Ledisson remóntanse ao 2007, ano no que se constitúe como unha división da súa empresas matriz especializada en robótica industrial. O pasado ano superou os 2,5 millóns de cifra de negocio.

(Fonte: La Voz de Galicia)