Finsa e o Grupo Nueva Pescanova lanzan en Tecnópole os seus retos de industria 4.0

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A directora de Galicia Open Future, Carmen López, trasladou o pasado xoves en Tecnópole ás empresas ourensás a convocatoria do programa "Retos 4.0", mediante o que se chama a emprendedores e start-ups galegas a presentar propostas para resolver problemas formulados pola industria. Os dous primeiros retos para os que se demandan solucións tecnolóxicas proceden do Grupo Nova Pescanova e Finsa.

A compañía de transformación de produtos derivados da madeira Finsa pide o desenvolvemento dun sistema que axude a xestionar de forma máis intelixente o seu mobiliario, obtendo información de interese a través de sensores colocados nos seus produtos.

"¿Como poden as novas tecnoloxías dotar ao sector da madeira de capacidades dixitais para ofrecer aos seus clientes un mobiliario máis intelixente? " é o reto formulado por Finsa.

A madeireira galega tamén busca desenvolver unha plataforma que almacene datos de uso dos produtos para poder obter así un histórico que permita evolucionalos. A súa idea é que sexa unha plataforma aberta a todos os fabricantes para crear no futuro un ecosistema do que múltiples axentes do sector se poidan beneficiar.

Cría do lagostino

Pola súa parte, a multinacional galega especializada en produtos do mar Grupo Nueva Pescanova demanda unha resposta á pregunta "¿Como podemos modelizar os datos recollidos nos sucesivos ciclos de cría do lagostino para predicir e corrixir comportamentos e optimizar a toma de decisións presentes e futuras? ".

O reto de Grupo Nueva Pescanova busca un modelo de análise preditiva para coñecer o comportamento do lagostino criado en piscifactorías e facer máis eficiente a súa cría.

Apoio ao desenvolvemento do proxecto

Aos retos presentados por Finsa e Grupo Nueva Pescanova poderán presentarse startups, pemes, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores.

O gañador desta iniciativa terá unha axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto.

Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración e recibirán un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase o mellor dos tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por Amtega.

Á parte das achegas económicas directas, o servizo de investimentos XesGalicia concederá á empresa gañadora un empréstito participativo, ata un máximo de 100.000 euros e poderá conceder aos finalistas un empréstito participativo de ata 50.000 euros.

(Fonte: Tecnópole e GOF)