A feira Maker Faire Galicia volverá a Santiago en xullo, con proxectos de innovación e tecnoloxía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A quinta edición da 'Maker Faire Galicia', unha feira de inventores e escaparate para a creatividade e o enxeño, celebrarase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, entre o 3 e o 7 de xullo.

Segundo os seus organizadores, a 'Maker Faire Galicia' está pensada para "compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos persoais", para todos os públicos e disciplinas como a gastronomía, robótica, mecánica, ciencia e música, entre outras.

Este evento, que está enmarcado na programación do Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, contará este ano con dúas novidades: celebrarase a principios de verán e, debido ao éxito das edicións anteriores, pasará de tres a cinco días de duración, ampliando as xornadas profesionais dunha a tres.

Este ano, o evento celebra a súa quinta edición en Compostela co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese, segundo informou a Consellería de Cultura mediante un comunicado.

Xornadas profesionais

As tres xornadas enfocadas ao público profesional -que se celebrarán o 3,4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura-, centraranse en temáticas clave para o futuro da industria e a innovación como a mobilidade, enerxía, intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, 'open data' ou emprendemento.

Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos máis innovadores presentados polos 'makers' durante a semana de entre 1000, 500 e 250 euros.

Os días 6 e 7 de xullo, o Museo Centro Gaiás terá xornada de portas abertas para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que estará formada por talleres, charlas, actuacións e outras actividades.

Inscrición de proxectos

A inscrición de proxectos está dispoñible na web galicia.makerfaire.com ata o 31 de maio. De todas as propostas, realizarase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos da edición.

A innovación, orixinalidade e interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Ademais, durante o evento, o público poderá votar polos mellores proxectos.

As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de 'Maker', 'Minimaker' (proxectos realizador por nenos menores de 14 anos), 'Maker Senior' (creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, etc).

Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 'makers' expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores tanto a nivel nacional como internacional.

(Fonte: Galicia Press)