Feijoo promete financiar ata a metade do investimento das empresas que elixan Ourense

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presentou no Parque Tecnolóxico de Galicia o plan de competitividade Impulsa Ourense, que sitúa a provincia nun marco de discriminación positiva e compromete propostas concretas para garantir o seu  desenvolvemento económico.
 
Feijoo recoñeceu que Ourense ten "carencias" e presentou como solución un plan Impulsa que aposta polos sectores emerxentes como a biomasa, as novas tecnoloxías ou o termalismo como plataforma de despegue da economía dunha provincia "que conecta Galicia co resto de Europa e con Portugal". Pero ademais, o plan diríxese tamén ás empresas de sectores tradicionais e xa consolidados como o agroalimentario, o vitivinícola, a automoción, a lousa e a madeira.
 
A folla de ruta que se presentou fixa 25 obxectivos estratéxicos a lograr mediante a actuación pública e privada nun horizonte temporal de oito anos, e que se articularán a través de 47 liñas de acción competitiva e 91 actuacións concretas.
 
Segundo explicou o titular do executivo autonómico, o plan compromete axudas mínimas que cubran o 30% do investimento para os novos proxectos das pequenas empresas e o 25% para as medianas. Este impulso económico poderá chegar a un máximo do 50% do investimento subvencionado, o que supón "un incremento de 10 e 5 puntos respecto a outros territorios", explicou Feijoo.
 
Ademais, o programa tamén contempla axudas para a ampliación de proxectos, con achegas mínimas do 25% para as pequenas empresas e  do 20% para as medianas.
 
Sen límite
 
En cambio, o presidente da Xunta non concretou a contía económica que o seu goberno dedicará a este programa de apoio asegurando que "non temos límite". Cada vez que se presente un proxecto, matizou "será avaliado e se cumpre os requisitos do Plan Impulsa, recibirá o financiamento correspondente".
 
Alberto Núñez Feijoo sinalou que Ourense "é un lugar idóneo para crear riqueza e emprego" e anunciou que "o plan estará en vigor toda a lexislatura e veremos se a próxima". Ademais, o presidente fixo onte un chamamento aos empresarios e emprendedores para que se instalen en Ourense como "o lugar de España onde resulta más fácil investir". A Xunta "está disposta", recalca Núñez Feijoo, aínda que admite que "faltan emprendedores".
 
Por iso, o xefe do executivo galego asegurou que a Xunta intensificará o compromiso cos sectores estratéxicos e manterá as medidas transitorias de discriminación positiva que se adoptaron desde o primeiro día da posta en marcha do Impulsa Ourense. Concretamente, entre o 29 de outubro de 2009 e o 7 de xullo deste ano se mobilizaron cerca de 47 millóns de euros, e se concederon axudas a fondo perdido que permitiron crear ou manter máis de 300 empregos.
 
Alberto Núñez Feijoo presentou este plan para favorecer a competitividade das empresas apoiado polos conselleiros de Industria e Presidencia, Javier Guerra e Alfonso Rueda, respectivamente, así como o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez; e o presidente da Deputación Provincial, José Luis Baltar; ademais dos presidentes da CEO, Francisco Rodríguez, e da Cámara de Comercio, Celso Barbosa; líderes sindicais, empresarios e alcaldes de toda a provincia.
 
Créditos atascados
 
Respecto á escasa repercusión da primeira fase do Plan Impulsa en Ourense, Núñez Feijoo recoñeceu que "houbo poucas propostas de emprendedores" e clamou por que veñan "máis".
 
O presidente galego culpou desta situación ás sucesivas reformas "que obrigan ás entidades a manter moitas reservas en capital". Neste sentido, Feijoo sinala a "restrición do crédito" como a causa da falta de investimento en Ourense: "Temos os canos do crédito atascados", concluíu.
 
(Fonte: Faro de Vigo)