Feder-Innterconecta destina 74,3 millóns de euros a 79 proxectos galegos de I+D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Setenta e nove proxectos de I+D de Galicia foron aprobados, de forma provisional, na convocatoria do programa Feder-Innterconecta correspondente a este ano, cuxo obxectivo foi impulsar o avance tecnolóxico e industrial desta comunidade a través de proxectos de alto nivel tecnolóxico, alto valor engadido e que estimulen a creación de emprego cualificado.

Nas 79 iniciativas seleccionadas participan 292 empresas, das cales 103 son PEMES (69%), e 281 grupos de investigación que colaboran en réxime de subcontratación. Todos estes proxectos caracterízanse por ser estratéxicos, de gran dimensión e ter proxección económica e comercial máis alá das nosas fronteiras.

Feder-Innterconecta outorga axudas en forma de subvencións cofinanciadas con Fondo Tecnolóxico, unha partida especial dos fondos Feder da Unión Europea dedicada á promoción da I+D+i empresarial en España. No caso de Galicia, xestiónanse polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, para fomentar a investigación, o desenvolvemento e a cooperación entre os diferentes axentes do sistema galego de Ciencia-Tecnoloxía-Empresa.

O presuposto total dos 79 proxectos seleccionados ascende a 152,8 millóns de euros, dos cales este programa destinará 74,3 millóns de euros para esta convocatoria.

Colaboración público-privada

Este programa promove a colaboración entre as distintas administracións, o sector produtivo e os axentes de I+D+i. En consecuencia, cada grupo beneficiario deste programa de colaboración público-privada debe estar constituído por un mínimo de tres empresas de distinto tamaño e ha de ter a participación significativa de organismos de investigación -un mínimo do 15% do presuposto elixible-.

A esta convocatoria presentáronse 119 propostas de proxectos de I+D nas que participaron 524 empresas e 297 organismos de investigación. Iso pon de manifesto a crecente importancia que ten a innovación para Galicia, considerada como ferramenta estratéxica por todos os axentes que integran a I+D+i nesta rexión.

O presuposto subcontratado aos grupos de investigación participantes ascende a aproximadamente o 22% do total do presuposto.

Áreas tecnolóxicas

Atendendo a unha distribución por áreas tecnolóxicas, hai que destacar 23 iniciativas correspondentes aos sectores industriais, fundamentalmente materiais, vehículos de transporte e bens de equipo;  15 do ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, 9 dos sectores de agroalimentación, agricultura e pesca e 8 iniciativas de medio ambiente e eco-innovación. Estas áreas tecnolóxicas supoñen o 67% do volume total de compromisos previstos.

(Fonte: Xunta de Galicia)