Expertos en intelixencia competitiva recomendan a máis dun centenar de pemes galegas investigar e interpretar o mercado antes de lanzar o seu produto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro de Excelencia de Vigo celebrou o pasado venres o foro "A intelixencia competitiva. Un piar fundamental para a innovación empresarial", cuxo obxectivo principal foi dar a coñecer ás pemes galegas unha nova forma de pensar e actuar baseada na vixilancia tecnolóxica e a intelixencia competitiva.
Expertos nesta materia como Sergio Larreina, director de Intelixencia Competitiva de PONS Patentes e Marcas; Paula Iglesias, coordinadora da Unidade de Vixilancia Tecnolóxica do Centro Tecnolóxico AIMEN; e Pablo López, membro da Xunta Directiva da Asociación para a Promoción da Intelixencia Competitiva de Galicia (ASPICGA); presentaron, ante máis dun centenar de persoas, as vantaxes que ofrece a aplicación destes innovadores procesos á hora de tomar decisións empresariais, xa que permiten analizar e interpretar a información da que se dispón para convertela en coñecemento.

Os tres relatores coincidiron en destacar que a presión competitiva global, o peso da innovación e a tecnoloxía, e os continuos cambios que se producen nos mercados provocan que o éxito ou o fracaso dun proxecto ou produto poida depender, en boa medida, do coñecemento previo que se dispoña da oferta do sector, dos clientes e da competencia; e resaltaron na importancia de realizar un seguimento continuo destes factores, para actualizar esta información permanentemente.

Aplicacións empresariais

Ademais de analizar que é a intelixencia competitiva e para que serve, os participantes na xornada puideron coñecer diferentes exemplos de compañías galegas que aplican con éxito sistemas de vixilancia competitiva na súa estratexia empresarial.

Carlos Groba, responsable TIC de Mariñar Instruments, explicou como a implantación deste sistema lles permitiu coñecer as necesidades dos seus clientes e desenvolver produtos que respondesen a estas; e insistiu en que a análise en profundidade dos factores que determinan o triunfo dun produto antes de sacalo ao mercado, pode minimizar os riscos e garantir a viabilidade dun proxecto.

Nicolás Troncoso, R&D Manager de Vasco Galega, compartiu o sistema desenvolvido pola consignataria para coñecer que están a facer as empresas considerados best in class dentro do seu sector. Apuntou que a vixilancia competitiva facilita a Vasco Gallega coñecer os puntos fortes dos seus principais competidores e desenvolver proxectos que os fagan competir, de igual a igual, nun mercado global.

Por último, Pablo Buyo, responsable de produción de Galopín Parques, relatou como o sistema de vixilancia competitiva os fixo diferenciarse da competencia chegando a deseñar produtos máis atractivos empregando materiais e sistemas que se utilizan con éxito noutros sectores industriais.

Ao termo da xornada, os expertos ofreceron consultoría personalizada aos directivos interesados en resolver as súas dúbidas sobre a implantación de sistemas de vixilancia competitiva nas súas empresas.

Centro de Excelencia de Vigo

O Centro de Excelencia de Vigo é un centro de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación, que se dedica ao desenvolvemento das capacidades innovadoras das empresas e organizacións empresariais, facilitándolles a posta en marcha de proxectos innovadores, contribuíndo a dinamizar a súa actividade empresarial e a mellorar os seus procesos de xestión.

(Fonte: CdE)