Os expertos destacan o papel revolucionario de blockchain no desenvolvemento dos negocios cara ao futuro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O blockchain está chamado a revolucionar o desenvolvemento dos negocios cara ao futuro, cun sistema baseado nas chamadas criptomoedas no que a dinámica financeira se transforma radicalmente. Esta foi a mensaxe principal trasladada polo avogado experto na materia Juan Carlos Rodríguez Maseda aos asistentes ao almorzo tecnolóxico celebrado en Tecnópole.

O blockchain ou tecnoloxía de contabilidade distribuída foi definido por Rodríguez Maseda como a internet do valor, na que, a través dun sistema alternativo ao convencional dos bancos, os usuarios xeran e aceptan pagamentos en moeda virtual e sen intermediarios, baseando a seguridade do proceso na confianza mutua.

En canto ao ámbito da seguridade, o socio fundador de Dictum Abogados apuntou que sería necesario mellorar a adaptación á nova realidade financeira da normativa europea de protección de datos, porque esta continúa considerando a protección en relación a sistemas centralizados, o que non é aplicable a un sistema distribuído como é o das criptomoedas. Rodríguez Maseda sinalou de que, aínda cando os datos asociados ao blockchain están encriptados e os procedementos poidan considerarse que cumpren as esixencias da lei, non é doado obviar a tensión que se produce entre a defensa dun dereito fundamental e a innovación.

Ademais, explicou que o sector está á expectativa do informe que a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) publicará en 2020 en materia de fiscalidade. Tal e como adiantou o organismo a principios deste ano, o informe considerará os retos que supón a dixitalización do ámbito financeiro para o sistema impositivo, ámbito no que as criptomoedas supoñen un desafío especialmente novidoso.

Tecnópole pechou así o seu ciclo de almorzos tecnolóxicos para 2018, unha iniciativa que reproduce cada ano co obxectivo de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.

(Fonte: Tecnópole)