Expertos de toda Europa presentan os últimos avances en tecnoloxía láser nas VIII Xornadas de Procesado de Materiais de AIMEN

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro Tecnolóxico AIMEN reuniu máis dun centenar de expertos en tecnoloxía láser, procedentes de centros de investigación, universidades e empresas de toda Europa, na VIII edición das Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser, celebradas en Vigo.
 
Galicia converteuse no punto internacional de encontro para a presentación dos últimos avances en fontes e sistemas láser aplicados á industria: láseres de fibra, disco e CO2; máquinas especiais de láser, micro-procesado de superficies por láser e procesado en 3D, etc.
 
Os participantes expuxeron os modos de utilización e as vantaxes do uso do láser nas diferentes tarefas de produción (soldadura, corte, modificacións estéticas, pulido, limpeza, moldeado, etc.) en distintos sectores, como a automoción, a construción naval, a electrónica, a nanotecnoloxía, o téxtil, o metalmecánico ou as enerxías renovables. As compañías máis destacadas a nivel global no deseño e fabricación de maquinaria e solucións láser para a industria foron as encargadas de relatar as últimas innovacións, como Prima Power, que está entre as catro maiores firmas de maquinaria láser e de chapa metálica; Rofin, con máis de 38.000 fontes láser instaladas en 40 países distintos, ou Trumpf, con 9000 empregados en todo o mundo.
 
Ademais, as propias firmas que empregan os devanditos equipos nas súas operacións, como Peugeot Citroën, Gestamp Automoción, Hydracorte ou Talleres Mecanizados Comas (TMC), explicaron a súa experiencia e os beneficios detectados na aplicación do láser. Por exemplo, a planta de PSA Peugeot Citröen en Vigo utiliza actualmente a tecnoloxía láser na soldadura da chapa dos laterais dos automóbiles, conseguindo pezas de maior calidade e con mellor resistencia ao choque.
 
De feito, a automoción é un dos campos que máis avanzou na utilización deste tipo de sistemas, como se puido comprobar no transcurso dos relatorios, nos que se nomeou a aplicación de láser en Ford para a fabricación de teitos de vehículos, ou a soldadura de aluminio con láser por parte de Audi, por exemplo, na produción do modelo A6. Pero son moi variadas as tarefas que se poden realizar con láser noutros sectores: o desenvolvemento de pezas electrónicas ou dispositivos médicos como stents, a optimización do comportamento hidrodinámico e a limpeza dos materiais na reparación de barcos, a mellora da lubricación na fabricación de ferramentas, a produción de células fotovoltaicas para paneis solares, etc.
 
A achega científica correu a cargo de institucións destacadas na I+D+i da tecnoloxía láser para procesar materiais, lideradas polo Centro Tecnolóxico AIMEN, referente en España e Europa na investigación nas tecnoloxías láser e de unión. Entre elas, atopan a Universidade Tecnolóxica de Lulea (Suecia), Alphanov - Centro Tecnolóxico de Óptica e Láser (Francia), o Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas do CSIC (CENIM - Madrid) ou AIDO (Valencia), entre outros, ademais dos investigadores da Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.
 
Conscientes do seu gran potencial industrial e comercial, o Centro Tecnolóxico AIMEN aposta firmemente polo desenvolvemento de proxectos de investigación no ámbito do láser: só en 2011 iniciaron 5 proxectos europeos diferentes de I+D+i centrados nesta tecnoloxía. Ademais, AIMEN está inmerso na construción do maior Centro de Aplicacións Láser de España, que ao igual que o Centro Tecnolóxico, tamén se situará no Porriño, e constará de 4000 m2 nos que traballarán máis de medio centenar de investigadores. Precisamente, Jesús Lago, xerente de AIMEN, emprazou os asistentes á celebración da próxima edición das xornadas, prevista para 2012, no novo Centro de Aplicacións Láser.
 
(Fonte: AIMEN)