O estudo sobre a calidade da pisada dos adolescentes galegos dunha alumna das Aulas Tecnópole triunfa en Novos Investigadores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

"¿E ti, como pisas? " é o título do estudo co que Iria Ollero, alumna das Aulas Tecnópole e estudante de 2º de Bacharelato no IES As Lagoas (Ourense), levou o segundo premio do certame estatal Novos Investigadores, celebrado hai uns días en Málaga. Este traballo fora xa recoñecido co primeiro premio na categoría Biomedicina e Saúde do evento Ciencia en Acción 2017, celebrado o pasado mes de outubro en Euskadi.

Durante cinco días, os 255 participantes, estudantes de entre 15 e 20 anos procedentes de toda España, defenderon os seus proxectos ante un esixente xurado, competindo polos premios finais. O certame, organizado polo Instituto da Xuventude e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celebrou nesta edición o seu 30 aniversario.

Este é o oitavo premio que Iria Ollero acumula dende que comezou a asistir hai catro anos ás Aulas Tecnópole, a iniciativa promovida por Parque Tecnolóxico de Galicia, co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para incentivar as vocación científicas e innovadoras entre os máis novos a través do desenvolvemento de proxectos co apoio de titores expertos.

Do estudo de Iria, realizado durante o último ano, despréndese que un 88% dos adolescentes pisa incorrectamente, cunha mala distribución do peso corporal, e, ademais, a maioría (74%) non é consciente do seu problema. Sobre unha mostra de 33 persoas de entre 11 e 18 anos, a nova investigadora levou a cabo unha exhaustiva análise consistente nunha enquisa e catro probas realizadas con tecnoloxías desenvolvidas por ela mesma. Coa primeira, obtivo o negativo da pisada de cada persoa para ver con que parte do pé exercía maior presión. A segunda permitiulle coñecer a distribución do peso corporal do individuo nos pés. Coa terceira puido ver a pegada dixitalizada de cada persoa grazas a unha placa electrónica. E a cuarta permitiulle, a través dun sensor, medir a tensión muscular no tendón de Aquiles.

Os resultados das diferentes probas desvelaron que un bo número de adolescentes exercen moita presión co dedo gordo, o que pode ocasionar moitos problemas co tempo. Ademais, dos suxeitos da súa mostra, o 54% ten o pé cavo, o 19% plano e só o 27% un pé normal.

Experiencia nas Aulas Tecnópole

"Dende sempre tiven moito interese polos pés e a pisada porque nacín cunha malformación nos meus", explica Iria sobre a orixe da idea do seu proxecto. "A miña participación nas Aulas Tecnópole foi fundamental para levalo a cabo. Permitiume coñecer o método científico e ter o apoio continuado do meu titor, David Ballesteros".

Iria, que de cara ao futuro está considerando dedicarse á investigación no ámbito da saúde, conseguiu dende que asiste ás Aulas Tecnópole o 2º Premio Luis Freire, catro recoñecementos na maior feira científica a nivel estatal (Exporecerca) e un terceiro premio no anterior certame de Novos Investigadores. Os traballos que lle valeron estes galardóns foron un kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética e un sistema electrónico de alerta temperá que permite minimizar os efectos das riadas sobre a poboación en risco, ambos os dous realizados en equipo con outros estudantes das Aulas Tecnópole.

(Fonte: Tecnópole)