Un estudo analiza estratexias de crecemento no Polígono de San Cibrao das Viñas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, Elías Mera, presentou hai uns días, xunto co presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar; o reitor da Universidade de Vigo, Pachi Reigosa, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, o estudo "O Polígono en cifras".

Trátase, segundo explicou o director do estudo, o profesor Andrés Mazaira, dun proxecto que pretende analizar as potencialidades das empresas situadas no Polígono de San Cibrao das Viñas co fin de planificar accións destinadas a optimizar os seus resultados no futuro inmediato.

O equipo de traballo arrancou en abril e empezou a cargar datos entre xuño e xullo para a presentación o próximo outubro "como nos comprometemos", sinalou.

Ao longo destes meses "analizáronse 338 empresas e 185 actividades distintas, cun total de 40.000 datos recompilados", sinalou Andrés Mazaira. Un volume de información que agora debe analizarse para conseguir mellorar a economía do corazón produtivo de Ourense, "que aglutina case o 10% das afiliacións de toda a provincia", segundo destacou o director do estudo.

Engadiu que, "ao contrario do que se puidese pensar, o peso da industria no total do PIB é máis importante en Ourense que na media de Galicia, significando un 18,6%, aínda que non chega aínda ao obxectivo marcado pola Unión Europea do 20%".

Este estudo pretende que Ourense se achegue a ese obxectivo e corrixir aspectos como o resaltado por Mera: "Temos que evitar que o 37% dos graduados superiores que traballan o fagan en postos de baixa cualificación porque non somos capaces de xerar ocupacións abondas de alta cualificación". Pola súa banda, Reigosa subliñou que a universidade "debe comprometerse coa creación de riqueza", fin último do estudo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, resaltou que este estudo, que busca optimizar os recursos da área industrial de referencia da provincia, tomou como referente "o Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense".

Destacou que se trata de analizar comportamentos económicos e perspectivas de futuro das empresas do Polígono, que constitúen, segundo recordou, "o 20% da produción da provincia e comprenden o 11% do emprego no territorio provincial", nunha zona industrial "de referencia en Galicia".

(Fonte: La Región)