Unha española encabeza a lista Forbes de emprendedores en ciencia e saúde

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A revista Forbes elixiu a empresaria española Arantxa Unda, conselleira delegada da compañía Sigesa, para encabezar a súa prestixiosa lista 30 under 30 Europe na categoría ciencia e saúde.

Na súa segunda edición europea, a lista de Forbes consta de 10 categorías que reúnen cada unha a 30 emprendedores e profesionais europeos, menores de 30 anos, que poden converterse en líderes e referentes en distintas áreas do coñecemento, entre elas, ciencia e saúde, finanzas, política, tecnoloxía e comunicación.

“Creo que é un recoñecemento a toda unha xeración preparada, capaz e disposta a achegar novas solucións. Encabezar unha lista Forbes de mozos con proxección é un orgullo pero, ao mesmo tempo, unha responsabilidade enorme, á que responderei traballando e desenvolvendo ideas que busquen mellorar a calidade da asistencia sanitaria”, sinalou Unda tras coñecer a súa elección.

A moza directiva de 29 anos está ao fronte de Sigesa desde que en outubro de 2015 adquirise unha porcentaxe significativa desta empresa familiar, fundada polo seu pai nos anos 90. A súa traxectoria profesional e formativa previa divídese entre España, Reino Unido e Estados Unidos, onde cursou un MBA na Harvard Business School grazas a unha bolsa de estudos da propia Universidade de Harvard.

Novo proxecto profesional

Segundo explica a premiada, tras moitos anos no estranxeiro, en 2015 decidiu volver a España, comezar un proxecto profesional novo e centrar a súa carreira no sector da saúde.

“Tiña varias ofertas de traballo en Estados Unidos, pero atraíame moito a idea de poñer en marcha un proxecto propio e axudar a mellorar a sanidade a través da tecnoloxía e a análise da información”, explica

Aranxa Unda agradece o impulso dun profesor en Harvard que a animou a dar o paso. “O día da miña graduación tomei a decisión final, saquei un voo de volta a Madrid e dediquei o verán a buscar financiamento para poder adquirir unha participación na empresa e comezar o meu proxecto”, destaca.

A súa firma está centrada no desenvolvemento, distribución e implantación de tecnoloxía de axuda á xestión sanitaria e a toma de decisións clínicas. “O noso obxectivo é facilitar aos profesionais da sanidade  o seu traballo, para que eles poidan mellorar a xestión e a calidade asistencial. Hai unha gran cantidade de información clínica e económica dispoñible, moi útil para mellorar a asistencia, que agora mesmo non se está utilizando. Nós subministramos ferramentas que axuden a tomar decisións baseadas na análise de toda esta información”, sinala.

(Fonte: SINC)