España ten menos risco para o comercio tecnolóxico que Xapón, Reino Unido e Suecia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A aseguradora de risco Crédito e Caución elaborou un mapa mundial de risco para a realización de comercio internacional no sector da electrónica e a tecnoloxía con datos sorprendentes. O risco non vai asociado nin á situación económica do país nin ao seu clima social. Así as cousas, España é un país máis aconsellable para realizar acordos comerciais que primeiras economías de países como o Reino Unido ou Xapón. Contamos as cautelas.

Os analistas do xigantesco Grupo Atradius, ao que pertence Crédito e Caución, previron o comportamento das empresas tecnolóxicas en 34 países para valorar o seu risco asociado a cada mercado. A información é imprescindible para asegurar as operacións comerciais dos seus clientes nos mercados exteriores. A edición de Market Monitor 2013 asegura unhas perspectivas de crecemento mundial do 4,3% na electrónica e consumo e a tecnoloxía, arrastrada polas vendas de produtos de gran consumo como son os smartphone, os tablet PC ou os televisores LCD.

As empresas de Alemaña, Australia, India, Indonesia, México, Nova Zelandia e Suíza teñen unha cualificación de excelentes polas circunstancias que as rodean. As peor cualificadas son as de Hungría, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Singapur, Suecia, Thailandia, Turquía, Xapón e os Emiratos Árabes Unidos. As empresas españolas quedan no amplo grupo de países cualificados como favorables.

As razóns son complexas, e repercuten de distinta forma a pesar da globalización mundial. O crecemento ten un lado negativo variable entre países. O crecemento francés, por exemplo, que alcanzou un 160% nas tablets durante 2012 contrasta co forte estreitamento das marxes para un groso de PEME. Un consumidor cada vez máis desconfiado coa economía global ameaza a demanda do mercado británico. A tendencia trasládase a outros mercados ata repercutir no gran fabricante chinés, que sofre a ralentización das exportacións, e mantense por un florecente consumo interno. Impúlsao a innovación e o programa de subsidio rural. India tamén está a readaptar o seu enfoque para afrontar a diminución do consumo europeo, e mira á rexión Asia-Pacífico.

O debilitamento do consumo mundial pola crise dos países máis ricos, ata agora, non é o único problema. Outro é a erosión dos prezos ata o punto de asfixiar as marxes, que chega a ser un problema mesmo en mercados con boas perspectivas de crecemento. Esta vez, o problema é froito da característica intrínseca do sector, unha dinamicidade tan acelerada abocada a unha competencia tan forte que empeza a ser insostible. O problema empeza a selo mesmo en mercados con boas perspectivas de crecemento como é o alemán, precisamente por ter unha industria especialmente emprendedora e innovadora.

Xapón suma uns problemas inesperados. As dificultades para os fabricantes xaponeses de hardware e de electrónica de consumo proceden da apreciación do Ien, a competencia dos fabricantes coreanos, e a retracción da demanda dos seus dous grandes compradores: Europa (en recesión) e EE.UU. (que non remata de recuperarse). O aumento dos prezos pola suspensión das centrais nucleares é unha ameaza para a rendibilidade dos fabricantes TIC. Consecuencia da situación é un aumento significativo de insolvencias, e o debilitamento do mercado interno, que supón o 9% das vendas mundiais, e só aumento nun 1,1% durante 2012. O informe asegura a estabilidade dos xigantes nipóns do mercado, e mantén a cautela coas PEME. Aínda que extremou a vixilancia de todas as empresas niponas ante un mercado con tantas incógnitas.

Outro exemplo sorprendente de país con peor puntuación para comerciar que España é o Reino Unido, un xigante con pés de barro. O seu repunte do sector TIC no segundo semestre de 2011 é puntual e producido por proxectos liderados por finanzas e banca, e polo aumento dos correspondentes ás Xogos Olímpicos. Pesa máis a desconfianza do consumidor ante a situación económica europea, a suba do IVE, o aumento da inflación e o estreitamento das marxes por unha excepcional agresividade comercial. O cadro complétase cunhas empresas dominantes máis preocupadas por extraer grandes dividendos, e porque 'a principal fonte de liquidez para as empresas TIC é a débeda bancaria, e en particular as facturas desconto'. O informe prevé unha maior caída das vendas de hardware e marxes decrecentes. Mantense o crecemento da factura do software, pero polas actualizacións. Fortes recortes do gasto público, dificultades para obter novas liñas de financiamento, "e coa economía do Reino Unido tecnicamente en recesión" dan cautela á recomendación realizada por Crédito e Caución. Parece a crónica dunha morte anunciada do resto dos mercados europeos. ¿Canto tempo lle durará a España a recomendación positiva?

(Fonte: media-tics)