Un equipo galego dá pasos para formular unha vacina contra o VIH

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A vacina contra a sida foi, desde a súa irrupción a grande escala nos anos 80, unha das maiores emerxencias sanitarias e científicas a nivel global. Todos os esforzos concentrados desde entón para erradicar unha enfermidade, que xa se cobrou a vida de máis de 35 millóns de persoas en todo o mundo, acabaron por caer en saco roto. Nos últimos anos, o grupo de investigación Nanobiofar do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), con sede en Santiago, tratou de achegar o seu gran de area na loita contra o VIH como parte do macroproxecto Nanopilot (Horizonte 2020), un consorcio con gran peso español (aínda que participan tamén grupos doutros catro países) e que basea a súa actividade no uso da nanotecnoloxía para a investigación en diversos campos.
 

O estudo compostelán, liderado pola prestixiosa investigadora María José Alonso, logrou recentemente superar os obstáculos asociados á produción a escala industrial de nanomedicamentos e a súa comercialización (xeralmente debido a falta de reproducibilidade, caracterización limitada e/ou complicacións no seu escalado) e avanzar desta forma na creación dunha nova nanovacina para o VIH. Este estudo, publicado na revista “Drug Delivery and Translational Research”, detalla o método de síntese desta formulación de cara á transferencia á industria para o seu futuro desenvolvemento. 

O grupo de científicos, que ata agora desenvolveron un importante labor na investigación de vacinas eficaces para diferentes enfermidades infecciosas mediante o uso deste tipo de tecnoloxía, describe neste estudo –realizado en colaboración coa Universidade de Manitoba (Canadá)– un posible candidato a nanovacina contra o VIH para a súa administración por vía intranasal. A dita fórmula, sinala o documento, foi xa probada con éxito tanto en ratos como en macacos. 

Os resultados positivos na eficacia da vacina conduciu aos investigadores a dar un paso máis para o avance da transferencia destes resultados ao mercado, coa caracterización e optimización da formulación de cara á súa produción. “Unha caracterización analítica detallada das nanomedicinas é un paso crítico para identificar as súas características de fabricación máis importantes e garantir a súa reprodutibilidade, eficacia terapéutica e seguridade”, explica María José Alonso. 

Futuro  

Este traballo, informa o CiMUS, permitiu proporcionar dous aspectos fundamentais. Por un lado, unha descrición detallada do método de síntese da formulación. Polo outro, unha avaliación dos diferentes parámetros críticos na produción. “A transferencia da vacina desde o laboratorio a unha contorna industrial logrouse con éxito e demostramos que é factible fabricar un potencial candidato a nanovacina contra o VIH nunha planta piloto”, sinala José Crecente, investigador do CiMUS e último firmante deste trabajo. “Os nosos resultados validan que esta nanomedicina estaría lista para avanzar cara a súa fabricación industrial”, explica pola súa parte Tamara Dacoba, primeira firmante do artigo. 

Fonte: ABC