O equipo dos sinais de Galileo gana o Premio Inventor Europeo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Os sinais invisibles que os satélites da constelación europea Galileo emiten cara a Terra son dignos de premio. E efectivamente, o equipo detrás do seu deseño alzouse co Premio Inventor Europeo, que concede a Oficina Europea de Patentes. O 12º Premio Inventor Europeo (Investigación) foi entregado nunha cerimonia celebrada o 15 de xuño no Arsenal de Venecia, Italia.

Ao igual que os satélites Galileo e as súas estacións terrestres estendidas por todo o mundo, os sinais tamén se teñen que deseñar para que inclúan a multitude de servizos de Galileo destinados a distintos tipos de usuarios dentro das bandas de frecuencia limitadas, asignadas ao sistema pola Unión Internacional de Telecomunicacións. Desta tarefa encargouse o Galileo Signal Task Force, un grupo internacional de expertos que deu cun par de técnicas innovadoras para modular sinais.

Este equipo estaba dirixido polo enxeñeiro español José Ángel Ávila Rodríguez -que agora forma parte do equipo Galileo da ESA- e o seu colega francés Laurent Lestarquit, do Centro Nacional de Estudos Espaciais francés (CNES). Ambos comparten o Premio Inventor Europeo 2017 da Oficina Europea de Patentes. O equipo tamén inclúe ao alemán Günter Hein, antigo director do departamento que estudaba a evolución de EGNOS e Galileo para a ESA (Eurpean Space Agency), así como ao enxeñeiro belga Lionel Ries, que agora forma parte da dirección técnica da ESA, e ao enxeñeiro francés Jean-Luc Issler, do CNES.

"Cando as nacións europeas traballan xuntas, o mundo enteiro se ve beneficiado", afirma José. Con 18 satélites actualmente en órbita, Galileo comezou os seus servizos iniciais o 15 de decembro de 2016, polo que os dous sinais deseñados polo equipo xa son unha realidade cotiá. Estes enxeñeiros inspiráronse no sistema GPS, cuxos sinais se deseñaron orixinalmente nos anos sesenta, pero respondendo ás necesidades dos usuarios de hoxe en día.

A primeira técnica é a modulación de portadora desprazada binaria alternativa, ou AltBOC, que combina catro sinais independentes para formar un maior, dando como resultado o sinal de navegación co maior ancho de banda xamais transmitido. Cando se utiliza a pleno rendemento, AltBOC pode dar soporte a aplicacións científicas de precisión, como as medicións xeodésicas e a vixilancia das placas sísmicas.

O segundo método, denominado modulación de portadora desprazada binaria composta, ou CBOC, proporciona un sinal que pode utilizarse no mercado de consumo, xa que presenta compoñentes de banda estreita e banda ancha. O resultado é un sinal que pode funcionar ben con receptores de gama baixa -como os dos actuais teléfonos intelixentes-, mentres que o compoñente de banda ancha fai que o sinal sexa 'a proba de futuro', o que permitirá aos fabricantes ampliar o rendemento dos receptores para o mercado de consumo segundo as necesidades futuras.

O obxectivo que CBOC debía cumprir era ser capaz de interoperar cos sinais GPS, permitindo aos receptores empregar ambos conxuntos de sinais simultaneamente sen problemas.

Agora que China planea usar unha solución similar á de CBOC para os seus satélites de navegación Beidou, o sinal aberto Galileo E1 resultante perfílase como o futuro estándar para aplicacións de consumo.

(Fonte: ESA)