E.ON premia un grupo de investigadores do Instituto IMDEA Enerxía, polas súas solucións para o 'fogar intelixente'

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Por cuarto ano consecutivo, o grupo enerxético E.ON organizou unha nova edición dos Premios de Investigación E.ON. Os gañadores deste ano son tres equipos de investigación procedentes de España, Italia, Reino Unido e Alemaña, que enviaron os seus proxectos baseados no tema central deste ano: o Fogar Intelixente. A compañía financiará estes proxectos con ao redor dun millón de euros en total.
 
Temas como a subministración enerxética, a tecnoloxía, a mobilidade, a seguridade e a electrónica de entretemento desenvolveranse de xeito conxunto baixo a temática xeral do Fogar Intelixente. Isto revolucionará as vendas ao consumidor final grazas a que se engadirán novos produtos e servizos adicionais aos que xa están dispoñibles no mercado. Os tres proxectos gañadores demostrarán como a tecnoloxía intelixente relativa á enerxía tamén xerará cambios nas futuras relacións que as empresas eléctricas manterán cos seus clientes.
 
O primeiro dos equipos de investigación premiados, formado por compoñentes do Instituto IMDEA Enerxía de España e da City University de Londres (Reino Unido), centrarase en facer máis visible e comprensible para o consumidor o uso que este fai da enerxía no seu fogar. O segundo equipo de investigadores, procedente da Universidade de Nottingham (Reino Unido), avaliará como os consumidores poden integrar o uso das novas tecnoloxías na súa vida cotiá. O terceiro proxecto é un estudo comparativo elaborado polas universidades de Westminster, Londres e Cardiff (todas en Reino Unido), a Axencia Nacional Italiana para as Novas Tecnoloxías e o Instituto Alemán de Ecoloxía. Este equipo investigará ata que punto son diferentes as necesidades dos clientes de Reino Unido, Alemaña e Italia en relación coas novas tecnoloxías.
 
Os Premios de Investigación de E.ON son coñecidos en todo o mundo e impulsaron excelentes proxectos que contribuirán ao desenvolvemento da tecnoloxía do futuro no sector enerxético. O Fogar Intelixente é o cuarto tema no que se centraron os Premios de Investigación de E.ON, que ata agora destinaron un total de 19 millóns de euros a proxectos de investigación nos últimos seis anos. Estes premios son só unha pequena parte de todas as actividades que o Grupo E.ON está a desenvolver nos campos da tecnoloxía e a innovación.
 
Ampla participación española
 
Por segundo ano consecutivo, o Instituto IMDEA Enerxía figurou entre as entidades de investigación recoñecidas polo xurado dos premios, nesta ocasión de xeito conxunto con investigadores da City University de Londres. O ano pasado, esta institución española foi galardoada grazas a un proxecto cuxa  finalidade era diminuír o custo do almacenamento de calor e mellorar o funcionamento das centrais termosolares de maneira que puidesen operar durante máis tempo, mesmo sen a presenza do sol.
 
Nesta edición dos premios, un total de dez equipos de investigación españois, dos trinta e oito que participaron en toda Europa, presentaron os seus proxectos relativos ao desenvolvemento dos Fogares Intelixentes. Isto converte a España nun dos países con máis presenza nesta destacada iniciativa e "supón unha inspiración para os que traballamos no sector da enerxía no noso país e un aliciente para seguir investindo e explorando as posibilidades de crear unha enerxía mellor e máis limpa", tal e como afirmou o presidente de E.ON España, Miguel Antoñanzas.
 
Para Milan Prodanovic, xefe da Unidade de Procesos Eléctricos do Instituto de Investigación IMDEA Enerxía, "é un pracer ter a oportunidade de traballar no desenvolvemento de sistemas para os fogares intelixentes de futuro xunto unha das empresas enerxéticas máis grandes de Europa. O avance das novas tecnoloxías de visualización de datos dos usuarios e das empresas de enerxía será o paso máis importante para a popularización dos fogares intelixentes, presentando beneficios para todos os participantes e mostrando as oportunidades reais de aforro enerxético".
 
(Fonte: Cinco Días)