Entidades de Galicia e o Norte de Portugal lanzan o portal energytic.eu para as pemes do sector das renovables

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As pemes galegas e do Norte de Portugal do sector das enerxías renovables contan cunha nova plataforma para mellorar a súa competitividade: o portal web www.energytic.eu. Tecnópole celebra o vindeiro venres 6 de maio unha xornada técnica aberta a todas as pemes, centros tecnolóxicos, asociacións empresariais e demais axentes do sector galegos interesados no manexo desta ferramenta.
 
O portal acaba de ser lanzado á Rede polos socios do proxecto transfronteirizo ER-INNOVA, do que Tecnópole é xefe de fila, co obxectivo de dinamizar a cooperación entre as empresas do sector en proxectos conxuntos de innovación e promover a implantación nelas do comercio electrónico.
 
Na xornada, de carácter eminentemente práctico, explicarase o funcionamento do portal web colaborativo, que constituirá o punto de encontro e información para as empresas e entidades interesadas en promover proxectos conxuntos de I+D+i no ámbito das renovables, un requisito indispensable para acceder a instrumentos de financiamento internacionais, como os do VII Programa Marco da Unión Europea. Para iso, o portal recolle información actualizada sobre as convocatorias de financiamento específicas para o sector  e permite que os axentes se rexistren e publiquen os seus perfís de I+D e as súas buscas de socios para proxectos.
 
Por outra parte, o portal inclúe un mercado virtual de intercambio de bens e servizos e un completo sistema de facturación electrónica a disposición das empresas rexistradas que inclúe a custodia dos documentos emitidos para que estean accesibles en todo momento. 
 
O portal complétase cun directorio de axentes rexistrados cunha ficha informativa por cada un deles, unha sección de actualidade na que se publican as noticias máis destacadas do sector e cun apartado no que se anuncian os eventos relacionados co ámbito das enerxías renovables. Proximamente habilitaranse tamén ferramentas 2.0 para fomentar unha comunicación fluída entre os axentes rexistrados.
 
Ferramentas de escritorio
 
Esta plataforma web nace no marco do proxecto europeo ER-INNOVA, destinado a incrementar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables e que se materializou nun programa piloto de implantación de ferramentas de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) en aproximadamente un centenar de pemes da Eurorrexión.
 
A posta en marcha do portal compleméntase coa outra liña principal de actuación do proxecto: o deseño e implantación de ferramentas para a xestión interna das pemes a través de aplicacións de escritorio, entre as que destaca un sistema de planificación de recursos empresariais (ERP) especificamente deseñado en atención ás necesidades e demandas detectadas nas pemes do sector durante a fase previa de consultoría. Estas ferramentas xa están sendo implantadas nas pemes participantes na fase piloto, pero poranse a disposición para descarga online gratuíta de todas as empresas interesadas xunto cos seus correspondentes manuais de uso.
 
A xornada que se celebrará en Tecnópole o 6 de maio, en horario de 10 a 13 horas, centrarase na explicación práctica tanto das ferramentas do portal web como das de escritorio para todas as empresas e entidades interesadas. A subscrición pode formalizarse en btejada@tecnopole.es ou no 988 368 100.
 
Proxecto ER-INNOVA
 
O proxecto ER-INNOVA, que finalizará no próximo mes de xuño, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE ao amparo do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, cun financiamento total de 931.693,68 €.
 
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través de OPIDi; a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); e NET Novas Empresas e Tecnoloxías, S.A.-Business and Innovation Centre de Porto (NET-BIC Porto).
 
(Fonte: ER-INNOVA)